
A asociación Carcaxía ten preparada para este sábado, 22 de marzo, a quinta edición da súa Foliada
20 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado • Houbo que mover algo a data e facer algún cambio, mais todo está listo xa, «preparado, preparadísimo», para a quinta edición da Foliada Carcaxía, en Seaia (Malpica). «Agradecemos a todos aqueles que se adaptaron ás circunstancias», dixo onte en Radio Voz María Haz: «Cinco anos!». Empezaron no seu día como un xeito de «recuperar esa tradición de festexar a cultura popular». Seaia é terra de pandeireteiras, e aínda tendo a foliada de Cerqueda preto, non tiñan a súa propia. «E por que non?», di María. Así foi e así avanzan, conscientes de que están nunha terra moi propia: «En Malpica, dun lado ou do outro, non hai parroquia sen boas pandeireteiras». Dío tamén ao fío das de Mens, este ano homenaxeadas nas Letras Galegas, unha celebración da que haberá algunha «pincelada» este vindeiro sábado 22 en Seaia: «É moi interesante».
O programa
A primeira parada no menú da celebración será unha foliadiña en horario accesible para os miúdos, ás sete da tarde. Despois chegará un taller de ribeirana con Mar da Bouzas: «Ribeirana é un baile moi propio da nosa zona, completamente distinto ao que normalmente se aprende tanto en asociacións como en foliadas, e de execución tamén un pouco complicada. Dende a nosa perspectiva, algo moi interesante. Eu podo coñecelo porque son de Malpica, pero ao mellor alguén de Lugo ten menos acceso a el», indica María.
Rematado o obradoiro, chegará o tempo dos adultos, a foliada propiamente dita, con grupos chegados de toda a comarca bergantiñá, mais tamén de fóra dela. Mesmo de Dumbría ou de Ordes. O fío en común é a tradición, a cultura popular, mais estas xuntanzas permiten coñecerse entre uns e outros, enriquecerse.
O dúo Unto Vello, dous rapaces ben novos que levan por bandeira as cantigas das avoas, será a actuación estelar da noite: «Fan música moi apropiada para as foliadas, moi bailable, e é tamén un xeito de que a xente os poida ir coñecendo». A asociación Carcaxía redondeará todas estas propostas con cantina e bebida a prezos populares, dende bocatas ata uns saborosos callos, e por riba apostando polo medio ambiente e o vaso ecolóxico. Xa o veñen facendo hai uns anos, dende a segunda edición, e este 2025 estrearán deseño. Sobran motivos, pois, para achegarse este sábado 22 ata Seaia.