Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Máis de corenta grupos fixeron capital da tradición a Foliada de Raigañas

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Por Cerqueda veneraron á «santa pandeireta» nunha xornada intensa e de ambiente cálido, con peso da mocidade 

28 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mar Suárez, vogal da asociación cultural Raigañas, tiña aínda onte na voz a emoción do «ambiente tan san, tan cálido» que tivo a 17.ª Foliada de Cerqueda, en Malpica. Todo o día, en verdade, cunha sesión vermú que están querendo facer arrincar e na que, ademais de Raigañas, actuou A Requinta da Laxeira cun interactivo espectáculo «ao máximo» do que a organización puido gozar plenamente á espera do forte de afluencia. Un obradoiro de vimbio que trouxo entretementos de antes para os máis pequenos, ou os contos de María da Pontragha, acompañaron un día no que a Foliadiña aumentou en grupos con respecto a anos anteriores, 16 formacións: «Iso alédanos, quere dicir que a canteira vén atrás».

BASILIO BELLO

Como xa quixeran avanzar coa imaxe do cartel, a temática deste ano foi a de romaría. Tomaron por santa unha pandeireta, cunha grande réplica no centro do teito da carpa e moitas outras colgadas polos laterais. «Capela, campanario, cruceiro... as romarías eran no adro da igrexa e alí armábanse cantareas e demais», evocaba onte Mar. Engadiron o seu toque habitual, adornos silvestres de flores, queiroas, xestas... e ata tómbola especial. O conto era «canastar carozos», e foi un auténtico éxito.

Miúdos e veteranos gozaron dunha festa que no seu apartado forte, a foliada, reuniu nada menos que 27 grupos, do propio municipio, Zas, Narón, Santiago, Ordes, Ponteceso, Cabana... Tiñan son ata as tres da madrugada e de aí en adiante continuaron os «incombustibles» con foliada aberta. «Nós marchamos ás cinco, levabamos desde as 08.30 da mañá, case 24 horas», conta Mar. Non faltándolle moito ao día para abrir, seguían os bailes.