«Os veráns de Muxía eran eternos»

m. rey CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

XESUS BUA

O docente, moi ligado á vila da Barca, é sobriño-neto do poeta López Abente

08 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Muxía que coñeceu Arturo Suárez Varela (A Coruña, 1955) dista bastante da que existe hoxe. «Apenas había coches, botabamos o día na rúa, aquilo era unha marabilla». Arturo non naceu na vila da Barca, e pasou lonxe dela parte da súa vida, pero o seu vínculo coa localidade está sobradamente demostrado. Pertenceu cando era mozo á comisión de festas, foi pregoeiro da Barca no ano 2009, participou na creación da Fundación López Abente (do cal é sobriño-neto), e sempre estivo disposto para canta actividade cultural se lle pediu colaboración. Hai uns meses estivo presente na homenaxe que se lle tributou ao falecido pintor Yoshiro Tachibana. Ademais de todo isto, Arturo Suárez Varela tamén é o profesor universitario, titular de Química Física na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela. Leva máis de trinta anos ensinando ás sucesivas promocións de farmacéuticos, moitos deles da comarca.

«O meu pai naceu na Arxentina, pero era da Ponte do Porto, e a miña nai era de Muxía. Tiñan un negocio na Coruña, pero cando eu tiña nove anos pecharon e foron para Muxía. Eu quedei interno nos Salesianos», lembra Suárez.

«Os veráns de Muxía eran eternos. Chegabamos en xuño e estabamos alí ata setembro. Parecía que non ía acabar nunca, pero desfrutabamos cada día. Empezabamos coas lumaradas, que así lle chamamos alí as fogueiras. Pasabamos toda a noite de San Xoán saltándoas. Corriamos polas dunas da praia, polas rúas, cando apenas había tráfico e podías xogar sen perigo... Son recordos inesquecibles».

Aqueles anos eran os da infancia, os que quedan na memoria cun brillo especial. Arturo lémbrase daquilo que se di sobre que a infancia é a patria dos homes. «De alí é de onde vimos todos, son os momentos que gardas para sempre».

Daquel tempo tamén lembra, aínda que sexa de forma fugaz, a presenza do seu parente Gonzalo López Abente. Faleceu no 1963, cando Arturo tiña só oito anos. «Eu lémbroo cando xa estaba algo maliño, na casa da miña tía. Nós saudabámolo e a tía dicía: ‘mira Gonzalo, aquí están os rapaces’, e el devolvía o saúdo, sorría e falaba algo con nós. Todo o mundo fala del como un home afable, accesible, moi xentil». Hai poucos anos, cando se constituíu a fundación que leva o nome do escritor, os impulsores lembráronse de Arturo para formar parte da directiva. «Propuxéronme para que fose tesoureiro. Eu tampouco fixen nada extraordinario para que contaran comigo, pero, bueno, aceptei», di con humildade.

A vocación docente veulle a Arturo sobre a marcha. No bacharelato, cando xa estaba externo podía volver máis a miúdo a Muxía, aínda que a carga de estudo tamén requiría tempo. Aprobou o bacharelato, e tamén o COU, e era o momento de decidir que carreira estudar. Gustáballe Física, pero había un pequeno problema: só se podía estudar, como moi cerca, en Madrid. «Asusteime un pouco, facíaseme grande, e quizais tamén me entrou un pouco de morriña por anticipado, así que preferín quedar en Santiago e estudar Farmacia».

Ao pouco de rematar a licenciatura, saiulle a opción de comezar a súa carreira docente. «Convocáronse prazas, conseguín unha, e así desde entón». É probable que lle dera clase a pais e fillos. Durante estes tempo, traballou man a man con outro recoñecido académico da comarca: José Miñones Trillo, de Vimianzo, que foi o seu xefe de departamento. E igual que Miñones, que foi concelleiro e Santiago e deputado autonómico, a Suárez Varela tamén tomou parte na política co PSdeG-PSOE, aínda que non chegou a exercer. Xa lle viña de familia. «O meu avó era de Casares Quiroga e Pepe Miñones», lembra. «Félix (Porto) animoume a ir nas listas do partido, aínda que eu non quero facer política activa. Si teño as miñas ideas, pero non paso de aí, só o fago por botar unha man». Arturo bromea con que, por dúas veces, quedou a punto de entrar como concelleiro. «No 2011 saíron 8 e eu ía de número 9, e o ano pasado saíron 9 e eu ía de 10».

Desde cativo, como dicía ao comezo, Muxía cambiou bastante. «Os invernos seguen sendo duros, pero non como aqueles tempos no que viña un temporal que deixaba o pobo sen luz e non volvía en dous días». Lamenta, non en tanto, que o pobo está moi baleiro no inverno. «Hai menos vida ca antes». Aínda así, sempre aproveita para visitar á familia e aos amigos. «Encántame pasear polo peirao, tomar unhas tazas no bar do porto. Regreso en canto podo». Di que «cando botas toda a vida alí, non o aprecias tanto. Quen vén de fóra sempre di que Muxía e o seu entorno son impresionantes».