
A inundación do 17 de decembro de 1989 puxo en perigo unha ponte de orixe romana e vencellada despois ao Camiño
17 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hai 27 anos unha grande inundación no río Xallas derrubaba o arco central da Ponte Vella de Brandomil. De milagre mantivéronse en pé os arcos laterais e púidose restaurar, aínda que houbo que esperar a 1993. Sería unha gran perda a desaparición da ponte máis antiga e fermosa da Costa da Morte. Aínda que os técnicos pensan que a súa fábrica non é anterior ó século XVI, ninguén cuestiona a súa orixe na época romana, pois era paso obrigado da vía XX do Itinerario de Antonino (século II) máis próxima ao mar que unía as cidades galaicorromanas de Braga e Astorga. En Brandomil atopábase a mansión Grandimirum (para outros a Claudionerium).
Na Idade Media a ponte de Brandomil é citada nun documento de 1286, e na Moderna non falta nos mapas xerais de Galicia máis antigos. É lóxico, pois os arqueólogos xa constataban un ramal da vía XX que desde Brandomil se dirixía cara á zona do Promontorio Nerio. Cando se xeneralizaron as peregrinacións xacobeas, non hai dúbida de que esta ponte lles serviu de paso a moitos peregrinos, xa aos que continuaban o camiño cara a Muxía e Fisterra, xa aos que desembarcaban nalgún pequeno porto da ría de Camariñas, aínda que destes non haxa moita constancia documental: a Elisa Ferreira, na súa obra sobre o comercio marítimo galego medieval (1988), non lle constaban nin en Muxía nin en Fisterra. Aínda así, en 1990 publicamos un artigo na revista Compostellanum co título Indicios dunha posible ruta xacobea pola Terra de Soneira. O que si recoñecía Ferreira, experta nos camiños medievais, era a antigüidade do vieiro por Brandomil á Ponte do Porto e a Muxía.
Mágoa que cando a finais dos anos 90 se recuperou o Camiño a Fisterra coa prolongación a Muxía, non se promovese para a volta o camiño máis recto e, sen dúbida, o máis antigo; o dos tres b: Berdoias, Baíñas e Brandomil, que, ademais, contaba con tres mosteiros no seu curso: Moraime, Ozón e Baíñas. Hoxe asociacións soneirás, xalleiras e barcalesas xuntan documentación para que se recoñeza oficialmente o Camiño a Muxía, que para nada estorba -senón que complementa- o de Fisterra.
Desde antes do século XV tamén hai datos documentados do paso de peregrinos pola antiga ponte de Brandomil, o seu punto neurálxico. Beizón ó santo que fixo que as súas arcadas laterais se mantivesen ergueitas, case por un fío, o día daquel «iduiro» do mes de Nadal de 1989.