Pazos de Merexo, o mestre do floreo

antonio reigosa

MUXÍA

Ana Garcia

«O que máis lle gustou sempre foi como se botaban a bailar, sobre todo as mozas, cando tocaba»

08 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O acordeón diatónico chegou á Península Ibérica a finais do século XIX e tivo un enorme éxito nas festas populares asociado ao baile agarrado e a outros ritmos de moda a partir dos anos 40 do XX. Mais axiña caeu en desuso ao ser substituído polos acordeóns piano que levaban as orquestras profesionais.

A figura de Manuel Pazos é moi importante na cultura musical galega, pois só el e uns pouquiños tocadores (Sindo de Olelas, Edelmiro de Irixo e Manuel Calvo) tocaban ese acordeón ao estilo galego.

Grazas ás gravacións que se lle realizaron a partir de 1998, cando contaba xa 75 anos, podemos coñecer e conservar o amplo e decisivo repertorio para que un gran número de músicos máis novos se achegasen ao diatónico e interpreten, compoñan e intercambien con instrumentistas doutras tradicións ese xeito galego de tocar este instrumento.

Manuel Pazos Redonda naceu en Merexo (Ozón. Muxía), o 9 de maio de 1926. Acaba de estrear os 92 anos. Fillo e neto de emigrantes na Arxentina, é o terceiro de oito irmáns. Manuel nin emigrou nin quixo ter nada que ver cos oficios do mar. Naceu onde vive, en terra de ceboleiros e ceboleiras, boa para cultivar, ademais de excelentes cebolas, millo, patacas… que foi ao que se dedicou Manuel toda a vida.

En 1937, cando xa el andaba co devezo de imitar os afamados Carolinos, músicos de Muxía, chegou ás súas mans o galano soñado: un acordeón de botóns que o seu primo José de Benito case deixa en Bos Aires porque non lle cabía na maleta de regreso da Arxentina.

As primeiras leccións do acordeón tamén as recibiu deste curmán aínda que, nun primeiro momento, mentres Manuel non foi quen de aprender un repertorio básico, se alugaba a veciños que xa sabían tocar para amenizar os bailes da parroquia. Pero non tardou en dominar as pezas imprescindibles para levar o ritmo no baile: xotas, muiñeiras, pasodobres e tamén valses ou mazurcas que viñeran do outro lado do mar. O que máis lle gustou sempre foi ver como se botaban a bailar, sobre todo as mozas, cando el tocaba.

Unha habilidade imitada

Aos poucos, Manuel foi collendo como súas as pezas que aprendía e engadiulles «o floreo», unha habilidade que el imitou dos Carolinos, mellorándoa notablemente e que só uns dedos áxiles moi adestrados poden lograr.

O seu repertorio foise conformando de pezas escoitadas aquí e acolá. Unhas chegadas do outro lado do mar, outras escoitadas a uns xitanos cando a mili, outras do ceguiño de Muxía. Acordeonadas que el levaba ás palilladas e tamén aos salóns de baile de Merexo e arredores.

Sempre tocou só. Tras un tempo de silencio musical, logo da morte da muller en 1989, en 1996, instigado por seu fillo Pedro, volve a coller o acordeón. Desta volta para acompañar a viaxe no autobús e encher de sons atlánticos reivindicativos a Castellana de Madrid cando a gran manifestación dos gandeiros galegos en 1996. Ou en 2008 cando houbo que protestar contra a megaplan de factorías piscícolas que quería asolagar Merexo e outras vilas da Costa da Morte.

A partir de aí chega o recoñecemento. Visita os platós de programas de TV como Luar, Alalá e A Repichoca. Actúa nos escenarios dos grandes teatros galegos. Unha ocasión moi especial foi cando, sen estar prevista, no Pazo da Ópera da Coruña tocou con Flaco Jiménez. Recibe visitas de investigadores e músicos que queren saber e aprender como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente, Xurxo Souto, Brais Maceiras, Olga Kirk ou Pablo Díaz.

Tampouco lle faltaron os contratempos cando un accidente laboral afecta considerablemente a mobilidade de varios dos dedos dunha man. Todo o superou Pazos. Chegaron as gravacións, as actuacións, os premios; os últimos, como sempre, os da veciñanza, pero chegaron.

Múltiples anécdotas encherían de alegría esta breve laudatoria. Como cando o Ceguiño de Corcubión lle amañou unha nota do acordeón cunha pletina de pila de foco; os recordos do alcalde republicano de Carballo, José Monteagudo, agochado na súa casa no 1936; as lembanzas do barco do gas, o buque cisterna alemán abatido no 43 no mar de Muxía por avión aliados e que deixou aquelas augas mancadas coa primeira marea negra que se recorda por alí. Alguén lle prendeu lume ao gas e ardeu mar e o monte de arredor.

«É unha persoa moi polifacética, igual muxe unha vaca que fai un cesto, toca unha mazurca ou un pasodobre», dixo del o seu fillo Pedro.

«Acórdome cando eramos pequenos. Estaba o acordeón no faiado. E só o sacaba pola festa do San Martiño cando que viñan os primos de Corcubión. E despois, máis adiante, xa faciamos festa polo San Xoán ou polo San Pedro na praia de Lago, ou nun bar, ou mesmo na corredoira... Dunha peza pasaba a tocar outra, así ata as tres da mañá, toda a noite», di a súa filla María Xosé.

E quizais con estas dúas citas abondase, sen máis palabras, para definir a capacidade de Manuel Pazos para adaptarse ao medio e ás circunstancias. Citas ás que quizais só habería que engadir, nun rótulo ben grande, xunto ao título de «Mestre da Memoria», «Mestre do Floreo».

Todo isto e moito máis poden vostedes ler e escoitar no libro-disco editado pola aCentralFolque (Centro Galego da Música Popular) en 2015 co título Pazos de Merexo. O acordeón diatónico da Costa da Morte, da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual. Unha publicación con datos biográficos, fotografías, partituras do repertorio antolóxico de Pazos de Merexo e un cedé cunha entrevista e pezas musicais tocadas durante décadas polo último tocador histórico de acordeón diatónico da Costa da Morte.