Sandra Vilela, nova deputada autonómica: «A miña aspiración é seguir servindo ao meu pobo, a Muxía»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Ana García

Sandra, líder do PP muxián e candidata nas últimas eleccións municipais, pechaba a lista do PP na provincia e polo menos durante os próximos meses estrearase no Parlamento galego

15 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Candidata por segunda vez á alcaldía de Muxía polo Partido Popular e segunda forza máis votada nas urnas, Sandra Vilela incorporarase proximamente ao Parlamento de Galicia como nova deputada. Ten 35 anos, é empresaria e leva formando parte das listas do PP dende que tiña 18.

—Como recibiu a noticia de que será nomeada deputada autonómica?

—Pois foi un tanto inesperado, a verdade. No seu momento fun na listaxe máis que nada como algo simbólico, para dar o meu apoio, e de feito ía pechando no posto 25, pero non pensaba que puidese entrar. Pero foi correndo a lista e chegou a min.

—A posibilidade sempre está aí...

—Recordo algo que me dixo Diego Calvo hai un tempo, cando fun de suplente para o Senado: «Non entra quen non vai». Non é algo que estivese previsto, pero vivireino como unha experiencia persoal e política moi interesante e enriquecedora. Seguro que sacarei moita aprendizaxe de aí e durante eses meses intentarei defender, na medida do que poida, os intereses da comarca e do Concello, claro.

—Coa súa entrada e a da camariñá Paula Mouzo, increméntase a presenza de parlamentarios da Costa da Morte.

—Toda representación é boa. Rubén Lorenzo está facendo un labor fantástico dende que entrou. Aínda que pareza que o Parlamento queda un pouco lonxe, os deputados sempre están a disposición para trasladarlles cuestións para que as fagan saber e valer no Parlamento. As cámaras están para iso.

—Isto interferirá no seu traballo á fronte do PP muxián?

—Para nada, seguirei como ata agora. Non menosprezo o que significa ser parlamentaria, pero as miñas aspiracións políticas cínguense á vida municipal.

—Nunca valorou a posibilidade de dar o salto á política autonómica, entón?

—Non. A vida pode dar moitas voltas, pero polo de pronto eu aspiro a servir ao meu pobo e a ser, algún día, alcaldesa de Muxía. A política municipal é o que máis me gusta, e teño unhas ideas e un proxecto que sempre defendín e que creo que poderían ser positivos para este concello. Non teño outra aspiración que seguir traballando polos meus veciños. Por suposto que, dunha vez que xurdiu algo así, hai que aproveitalo, gozalo e vivilo, pero iso é todo.