Iago Toba, alcalde de Muxía: «Hai que recuperar a esencia da Romaría da Barca»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

Especial Romaría da Virxe da Barca | Toba avanza que haberá máis melloras no santuario e explica que un cento de persoas integrarán o operativo de seguridade e loxística durante os festexos

14 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Iago Toba (1987), alcalde de Muxía dende hai cinco anos, defínese como un gran devoto da Virxe da Barca e explica como vivirá estes días de romaría na localidade.

—E chegou o tempo de romaría... Pode dicirse que son as fechas máis agardadas do ano para calquera muxián?

—Eu diría máis: non só chegou o tempo de romaría, chegou o tempo «da romaría». É a raíña das romarías galegas, a romaría das romarías. É un momento que xa non é que sexa agardado por tódolos muxiáns, é que marca un punto de inflexión no noso ano natural. En Muxía, todo pasa antes da Barca ou despois da Barca.

—Máis aló do «Iago alcalde», como o vive o «Iago veciño de Muxía»?

—Unha vez que os teus veciños te elixen para a tarefa da alcaldía, é complicado diferenciar entre o Iago alcalde e o Iago veciño nunhas celebracións tan complexas como estas. Son días de gran responsabilidade e hai que estar especialmente alerta as 24 horas dos 5 días de festa. Pero fóra diso, o Iago veciño sempre intentou gozar igualmente da romaría como toda a vida. Vivir os actos relixiosos como devoto que son, vivir a romaría do día con paseos coa familia, vendo ás charangas e bandas de música, comprando roscas e churros, visitando os postos de venda ambulante, comendo na pulpeira de Mambis e, por suposto, con 37 anos que teño, intentando vivir tamén a romaría de noite. Verbena cos amigos, baile, atraccións… En definitiva, como un veciño máis, que é o que son.

—Xa son cinco anos os que leva na alcaldía, e algún máis formando parte da corporación. Como considera que cambiou ou se transformou esta festa?

—Creo, e esa é a intención que ten o meu goberno dende que entramos, e así llelo trasladamos á comisión, que o camiño é a recuperación da esencia da romaría pura. O certo é que nos últimos anos conseguimos retomar moita desa esencia, e así seguiremos mentres esteamos gobernando. Pero tamén é unha realidade que hai que asumir: non podemos darlle as cosas á evolución e aos novos tempos. As festas, as romarías e mesmo a sociedade van cambiando cos tempos, e iso hai que adaptalo, ano tras ano, a unha gran romaría. Sinceramente, creo que a Barca de Muxía é das poucas que ten a virtude, con esforzo, traballo e decisións, de combinar á perfección tradición e evolución.

 —A réplica da imaxe da Virxe, estreada hai pouco, así como o camerín para poder visitala, están sendo un éxito. Como respondeu a cidadanía?

—Respondeu como sabía que respondería: Daniel, o párroco, está a facer un traballo magnífico nese campo, e os muxiáns somos uns namorados de todo o que signifique a Virxe. Ver o que se está facendo en tan pouco tempo polo santuario, incluída esa espectacular réplica, é un motivo de ledicia. Hei de facer unha confesión: como veciño, e por suposto como alcalde, a procesión nocturna foi algo que me quedará no recordo toda a vida. Foi impresionante e marcará un antes e un despois nesa celebración. E coma mín, moitos dos muxiáns tamén o pensan, porque así mo transmitiron. Pódese dicir que isto vai por moi bo camiño. Doulle as grazas a Daniel, e por suposto ao arcebispo, Francisco José, porque sei que foi o responsable de encomendarlle o traballo ao novo rector do santuario para recuperar o esplendor que se merece este espazo. 

—Hai algunha outra mellora na que se estea traballando no templo?

—Teño a sorte de que o párroco sempre me pide opinión para moitas cousas relacionadas co relixioso, xesto que agradezo no nome de tódolos veciños, e, aínda non podendo adiantar nada, porque é a el a quen lle corresponde facer os anuncios e marcar os tempos, podo dicir que hai moito, e moi importante, no que xa se está e leva tempo traballando. Como o propio rector pediu no día do seu nomeamento, hai que ter paciencia, pero o certo é que os feitos están aí, e sei que virán moitos máis.

 

—Máis aló do apartado relixioso e da súa relevancia para unha romaría deste calado, que destacaría da programación máis lúdica ou social? É unha parte relevante tamén desta festa…

—A romaría da Barca ten sona per se, non fan falla grandes florituras para asegurar unha gran festa, pero creo que a combinación de actividades que temos programadas son de gran interese: haberá para os máis novos, para os de mediana idade e para os máis maiores con orquestras de renome e con outras que se convertirán en revelación, sen dúbida. Falar, tamén, da maior traca de bombas de Galicia non é peccata minuta, e ademais este ano virá con sorpresa. A Barca é moita Barca.

 

—A nivel loxístico, o volume de visitantes que se congregarán estes días suporá un reto para unha vila como Muxía. Como se preparan neste sentido?

—Temos experiencia acreditada niso. Como alcalde, teño que agradecer o traballo de moitas persoas para garantir todos os aspectos loxísticos, de seguridade e organizativos. Un dato: o operativo conta con máis de 100 persoas, entre Policía Local, Garda Civil, traballadores municipais, voluntarios de Protección Civil de Muxía e doutros lugares, médicos, enfermeiros, técnicos, ambulancias medicalizadas ou tamén un punto especial para a atención de casos de violencia de xénero e agresións sexuais que estará equipado con psicólogos que traballaron en casos como o de Angrois ou do 11M. Son unhas festas seguras e non escatimaremos nunca nese aspecto fundamental.

 

—Como de factible ven esa declaración de Interese Turístico Internacional? Será unha carreira de fondo, non? En que aspectos cren que deben traballar para alcanzar esa distinción?

—Véxoa completamente factible. Algo me di que veremos á Barca declarada de Interese Turístico Internacional, pois temos tódolos ingredientes para poder optar a ese recoñecemento, e a unión fai a forza. Concello, comisión e Igrexa traballaremos arreo para conseguilo. Ademais, contamos cunha empresa especializada na materia e financiada pola Xunta, á cal lle agradezo o seu interese, que nos facilitará ese reto.

 

—Ademais dese reto de conseguir o Interese Turístico, cara onde cren que debe camiñar a romaría da Virxe da Barca? A veces é difícil encontrar o equilibrio entre a devoción e a diversión, sobre todo da xente moza.

—Como xa comentei, se algo ten esta romaría é que a convivencia entre xente moza e non tan moza é exemplar, e só hai que ver a realidade: actos relixiosos cheos de xente nova, rapaces e adolescentes acompañando aos pais e avós tanto nos actos lúdicos como nos litúrxicos, romeiros compostos por familias enteiras percorrendo camiños para chegar ao santuario, un campo da festa cheo de xente de tódalas idades… Insisto: a Barca é moita Barca, e poucas, ou mesmo diría que ningunha, hai como esta.