«Concibo a ornitoloxía, máis que como recreativa, como busca de coñecemento»
PONTECESO
El e o seu telescopio son xa case parte da paisaxe do Estuario do Anllóns pontecesán
09 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Dende que ten memoria -e ten moita- gústalle saír á natureza. Tería seis anos cando viu o seu primeiro martiño peixeiro, a súa primeira rula ou o seu primeiro miñato: José Luis Rabuñal (A Coruña, 1941) aínda lembra aquelas tardes de xoves nas que collía o tranvía ata O Portádego (Culleredo), onde vivían seus avós maternos, nunha casa que tiña horta e monte detrás. Gozaba dese tempo. Foi avogado do Estado primeiro e membro da asesoría xurídica de Caixa Galicia despois. Xubilouse aos 68 anos. Bota a vista atrás. No 76, logo de que seus sogros mercasen unha vivenda en Laxe e a raíz das visitas que facía, empezou a converterse no que agora é: o maior experto ornitolóxico do Estuario do Anllóns e a Enseada da Insua, a cabalo entre Ponteceso e Cabana, por onde anda cada fin de semana. Daquela era un espazo inexplorado neste sentido. Esta na que estamos é unha época importante para a ornitoloxía: coas poboacións invernantes xa consolidadas, é tempo de censos. Os netos son outra das paixóns deste constante observador.
-¿Galicia ten unha riqueza especial para a observación de aves?
-Tena en aves mariñas. En aves terrestres, menos: queda a desmán. As principais rutas migratorias de Europa van do norte cara África e cortan polo continente, pola Península, buscando o Estreito de Xibraltar. Aínda así, hai unha ruta alternativa que pasa pola nosa costa: permite facer moitas observacións. Temos puntos fixos de parada para as aves.
-¿Hai cada vez máis afección?
-Hai xente moi boa: xente con aparatos ópticos, bibliografía, Internet, facilidade para viaxar... Hai quen vai ver especies a calquera punto do mundo. A ornitoloxía en España, e en Galicia, ten un nivel comparable ao doutros países que antes ían por diante: Francia, Bélxica... Outros van máis avanzados: Gran Bretaña, Holanda, Países Escandinavos... Hai calidade e afección. Na xente noto, senón maior dedicación, si maior sensibilidade e respecto.
-¿E os seus medios?
-Cando comecei a traballar isto, aí polo 76, 78, 79, case nin había telescopios. Usabamos prismáticos e guías de campo clásicas. Foi a partir dos 80 cando houbo un cambio substancial: ópticas, bibliografía, Internet... O primeiro telescopio merqueino no 87 e aínda o uso, cando chove moito, para coidar o Leica que me regalou a muller no ano 2001, polos 60 anos. Tamén teño uns prismáticos duns 40 anos. Non me obsesiona estar á última.
-Queda co pracer de observar.
-Gústame, pero máis ca ver aves, que tamén, aínda que é un pracer case secundario, o que máis me tira é a investigación, o coñecemento. Coñecemento para min e para transmitilo aos demais, para dar a coñecer o valor dos espazos e que as autoridades teñan razóns para protexelos.
-¿Por que non fai fotografías?
-Hai moitos anos levei unha cámara, pero non facía ben nin unha cousa nin a outra, así que desistín dela para estar máis libre e facer os recontos a fondo. Xa digo, concibín sempre a ornitoloxía, máis que como recreativa, como busca de coñecemento. Logo apareceron máquinas extraordinarias, é verdade, pero non entrei nese mundo. O que fago, cando avisto algo moi interesante [pasou en novembro co ganso barnacla cuelliroja], é avisar a algún compañeiro. Entón veñen, fotografían, gravan... [Di que o mal tempo nunca lle impide saír ao campo e, de feito, onte andaba polo Estuario].
-¿Observacións que o marcasen?
-De cada visita de traballo que fago, anoto. [Ao Estuario do Anllóns a día de onte, levaba 4.260. Á Lagoa de Traba (Laxe), 3.310]. Fun a outros sitios: Camariñas, Malpica, Lires... Vin de todo, pero dúas observacións no Estuario do Anllóns marcáronme: o correlimos de Alaska que vin o 8 de setembro do 79 (sexta ou sétima cita en Europa) e o chorlitejo semipalmeado, o 17 de xullo do 88 (segunda vez en Europa). Unha ilusión, estaba comezando...
En tres detalles
Unha película. Cita varias e di que se quedaría con calquera de Jonh Ford
Un libro. Le e liu de todo (materias xurídicas, filosóficas, históricas, de natureza...). Non pode quedar cunha soa obra das lidas
O seu coche. Sempre tivo un Ford Fiesta e así seguirá. Ve o coche como instrumento. Di que, en tempos, en Traba chamábanlle «O home do Ford Fiesta»