As 35.ª Festiletras abren as súas portas a todo un país

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Serán oito días intensos nos que a figura de Pondal estará moi presente

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, xa están aquí. Milagre renovado. Agardadas, desexadas, admiradas. As Festiletras do Couto, do 14 ao 21 de maio, chegan á súa 35.ª edición e veñen intensas, cargadas de todas esas esencias dun traballo constante. Este é un ano especial, pois a presenza de Eduardo Pondal, no centenario da súa morte, é máis forte ca nunca. Por 35 anos serán 35 bloques de actividades, para os que moito máis ca noutras ocasións quixeron participar e prestar o seu apoio institucións públicas e privadas. Quizais precisamente polo centenario ou, quizais, porque en máis de tres decenios a organización xa se fixo ver e oír.

As Festiletras son a celebración das Letras máis importante de Galicia, como dicía o amigo do Couto Xosé Neira Vilas. El seguirá estando presente este ano, ao igual que a Rexoubeira Asunción Antelo, recentemente falecida, á que se lle dedicará unha velada moi especial. Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, fai fincapé nesa colaboración institucional especial, así como no traballo de «sete magníficos voluntarios» -4 mulleres e 3 homes-, mozos novos que están detrás de todo o que se argalla: «Pódense ter moitas ideas, pero se non hai quen traballe...». Son o futuro, e asegúrano cun labor feito dende o cariño: quérenlle ás Festiletras. O traballo coas novas fornadas é outro dos emblemas deste encontro cultural, e así haberá centos de rapaces, vía colaboración dos centros educativos. Destaca, neste sentido, a primeira edición da Festiciencia, con 180 nenos de sexto de primaria de 5 concellos diferentes.

A 35.ª edición das Festiletras pulsa unha idea que sempre estivo presente nesta aldea da resistencia: a apertura de portas.Trátase de potenciar o local, pero abríndoo aos demais, poñéndoo en valor. Así se foi creando no Couto un espazo mítico, un lugar de referencia, un agocho onde sentirse ben. Hai no programa, pois, presenza de grupos e protagonistas locais -como No filo da ferreña ou Adhara Caamaño-, ao lado doutras propostas de longa traxectoria, como Uxía Senlle e Joâo, Sés, Guadi Galego, Mini e Mero ou Luar na Lubre. Houbo entidades plenamente decididas a apoiar o centenario, como A Fonte do Fornelos, que o fará descubrindo Reirís, ese lugar onde habitaba a fada pondaliana Rouriz, ou Crea Formas, que xunto co mestre Eloy Mancebo coordinará a un cento de rapaces pintando lugares do Couto para logo doar as súas obras para unha poxa benéfica. As 35.ª Festiletras consolidan a artesanía, a literatura -Manuel Ferreiro presentará a súa xeografía pondaliana- o teatro para os maiores, a memoria ou, tamén, o propio, como a regueifa. Á xornada dedicada a este arte dialéctico acudirá o meirande experto, Domingo Blanco. Os oito días de actos rematarán con Luar na Lubre, un concerto que chega da man da Deputación.

Domingo 14 de maio: Bos e Xenerosos, pintura, zanfonas

12.15 horas • Entrega dos Premios Bos e Xenerosos. Ofrenda floral no adro da igrexa. Rosalía, Curros, Pondal e Inllar, co Himno de Galicia. Alba e Francisco Costa interpretan o poema Ponteceso. Entrega dos galardóns a Ramón Villares, Uxía Senlle, Fundación Barrié, Concha Blanco, Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán.

12.45 horas • Exposición de pintura A cantiga de Buserán, con Viky Rivadulla e a voz de Adhara Caamaño. Himno Galego coa coral polifónica A Oliveira.

13.00 • Escola de zanfonas de Cántigas da Terra, coordinada por Miro Casabella. Lembranza a Saturnino Cuíñas.

15.30 horas • A Fada Rouriz. Itinerario dramatizado por Dombate, Fornellas e Reirís, en colaboración con A Fonte de Fornelos. Con Yago Espasandín, Tamara Lema e Silvia Losada.

20.00 • Marcos Pereiro e o seu monólogo Como ser armario empotrado.

Luns 15 de maio: Casalderrey, mozos, Asunción Antelo, Sés

11.30 • Fina Casalderrey dirixe unha actividade para alumnos de primaria de Corme e Ponteceso. Coloquio.

15.30 horas • Cé Orquestra Pantasma xoga, canta e baila na biblioteca do colexio Eduardo Pondal, para nenos de infantil de Corme e Ponteceso.

16.30 horas • Na memoria de Asunción Antelo. Actividade para estudantes de secundaria. A voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal, con Cristina Abelleira, Lupe Blanco, Silvia Losada, Eloi Vidal, Miguel Calvo e J. A. Andrade. recital poético e entrega do premio Berghantiñana. Visita á exposición de Asunción Antelo.

18.30 • Labrega Berghantiñana. Armando coros con María Xosé Silvar, Sés.

20.30 • Presentación do libro Xeografía Pondaliana, de Manuel Ferreiro, con Goretti Sanmartín, Rocío Romar e Tino Gómez.

21.00 horas • Concerto de Sés.

Martes 16 de maio: Val Nativo, alumnado e a voz de Guadi Galego

10.00 horas • Sesión matinal centrada no Val Nativo de Eduardo Pondal. Ponteceso recibirá a visita dos clubes de lectura do instituto de Monelos.

11.00 horas • Ven bailar connosco é o nome dunha proposta de música e danza tradicionais dirixida a alumnado do Colexio Rural Agrupado (CRA) Nosa Señora do Faro. A actividade correrá a cargo da formación Pesdelán.

16.00 horas • A sesión de tarde estará pensada para pais, nais e alumnado da escola Galiña Azul de Ponteceso. A Galiña Azul é, precisamente, o nome da iniciativa, a cargo de Fran Rei.

23.00 horas • Volve unha Boa e Xenerosa ás terras do Couto. A artista Guadi Galego ten recibido tamén o galardón da Fundación Eduardo Pondal. É unha vella amiga das Festiletras. Nesta ocasión, ofrecerá un concerto na Casa dos Veciños: O mundo está parado.

Mércores 17 de maio: Poesía, Mini e Mero, pintura, No Filo da Ferreña

11.00 horas • Aniversario: 35.ª Festiletras. Recital cívico na sede da Fundación, baseado en obras dos autores e autoras homenaxeados ao longo destes 35 anos de Festiletras transcorridos.

12.30 horas • Sesión Terras Gauda. Actuación musical de Mini e Mero, voz dos nosos poetas. Acompaña degustación a cargo da adega Terras Gauda.

16.00 horas • Paisaxe Pondaliana. Segunda edición do certame infantil de pintura Álvarez de Sotomayor. Pasarrúas cos gaiteiros de A Fonte de Fornelos. Cen pequenos pintores doarán a súa obra para unha causa solidaria.

19.00 horas • Os Bolechas no Día das Letras. Unha parada na terra de Pondal, espectáculo na Casa dos Veciños.

20.00 horas • Música máis alá dos escenarios. A festa sae á rúa e intérnase na taberna. No bar Agra de Mares actuará a formación No Filo da Ferreña.

Xoves 18 de maio: Rexurdimento, mozos, Quinquilláns e De Vacas

De 10.00 horas a 17.00 horas • O Rexurdimento: Rosalía e Pondal, con Xoán Babarro e Ana María Fernández. Sesión de animación á lectura e creatividade poética nas bibliotecas de Ponteceso e Corme.

11.00 horas • Queixumes dos Pinos. Ponteceso recibe a visita do IES Chano Piñeiro (Forcarei) para visitar Dombate, a casa de Pondal, Monte Branco, Osmo e Nariga.

16.30 • Cousas, de Castelao. Escenificación teatral a cargo de Os Quinquilláns, para os máis veteranos da contorna.

20.30 horas • Sesión Deleite. De Vacas, concerto familiar na Casa dos Veciños.

Venres 19 de maio: Ciencia, memoria, teatro e concerto de Uxía e Joâo

De 10.00 horas a 14.00 horas • Festiciencia. Tralas pegadas de Isidro Parga Pondal polo areal de Balarés. Convidados alumnos de Cabana, Laxe, Malpica, Ponteceso e Zas. Talleres, observación...

De 16.00 a 18.00 • Non dés a esquecemento. Café da memoria arredor de Titania S. A., documental de Omar Rabuñal. A compañía Daboapipa representa Historias de vida, amor, guerra e case morte.

22.00 • Noite do prácido luar. Daboapipa representa As Lavandeiras. Pozo da Señora.

23.30 • Os tempos son chegados. Cantos da lusofonía con Uxía Senlle e Joâo Afonso. Concerto.

Sábado 20 de maio: Aldeas, regueifa, talleres, música e Carlos Blanco

De 10.00 horas a 14.00 horas • Ese pobo renace, resurxe, non morre. Cuarto encontro de Aldeas Singulares. Iniciativas de desenvolvemento do territorio.

16.00 horas • Tarde de Cova Céltica. Regueifeiros e regueifeiras de Bergantiños. Documentación e posterior regueifa.

19.00 horas • As Vésperas. Obradoiros de treboada e pasarrúas, con Oli Xiráldez, no Quinteiro. Clase do debuxante Luis Dávila. Música a cargo de Xa era hora.

23.00 horas • Noite de humor, con outro vello amigo do Couto. Carlos Blanco ofrece un monólogo na Casa dos Veciños.

Domingo 21 de maio: Artesanía, foliada, tradición e Luar na Lubre

A partir das 11.00 horas • Feira de artesanía. Van xa 35 anos de encontro. Percorrido polas artesanías de Galicia con obradoiros participativos e xogos tradicionais.

12.30 horas • Romaría das Letras Galegas. Dende as 12.30 en adiante, foliada a cargo de Adro de Baio, Arrancadeira de Malpica, Os Farrapos do Fol de Cesullas (Cabana) e O Son do Castro (Borneiro).

17.30 horas • Logo do xantar, sesión de tarde. Maruxiña é un espectáculo de Inllar baseado na música e danza tradicionais. Acompaña a poesía de Eduardo Pondal.

19.00 horas • Concerto de Luar na Lubre.