«Pódese dicir que a Pascual Veiga non o acompañou a sorte ao longo da súa vida»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

PEPA LOSADA

O investigador mindoniense Antonio Reigosa falará hoxe da traxectoria do compositor da melodía do himno galego

31 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito se falou na historia recente da figura de Eduardo Pondal como artífice do himno de Galicia e do seu gran labor ao escribir unha letra que tanto e tan ben representa ao conxunto da sociedade galega. Non foi así no caso de Pascual Veiga, compositor da melodía que acompaña aos versos de Os Pinos, cuxo traballo pasa con frecuencia desapercibido a ollos do gran público.

Antonio Reigosa (1958), escritor e investigador mindoniense que é coñecedor da traxectoria de Veiga, falará precisamente neste respecto na súa intervención de hoxe durante a última xornada do Simposio Pondaliano, en O Couto (Ponteceso). Xunto a el estarán tamén representantes da produtora Queimán e Pousa presentando un libro-deuvedé en lembranza aos 110 anos de percorrido do texto.

-No referido ao himno galego, o nome de Pascual Veiga non soa tanto como debería.

-En efecto. Por iso son tan importantes accións como estas e por iso levaremos o traballo deste autor a Ponteceso, a terra de Pondal. Veiga foi o artífice de partituras tan célebres como a da Alborada, pero non deixou de ser un home con moi pouca fortuna na vida e que morreu na pobreza, afogado polas débedas, e sen chegar a ver a estrea oficial da súa gran obra: o himno.

-Unha situación que viviron moitos grandes artistas, que non chegaron a ver os froitos do seu traballo en vida.

-Si, o caso de Veiga é un deses, dende logo. El pasouno bastante mal na súa vida persoal, por un tema duns amores non consentidos cunha moza da burguesía local. El proviña dunha familia humilde, aínda que tiña unhas capacidades e unha formación musical impresionante grazas á capela de música da catedral de Mondoñedo. Si que obtivo algúns recoñecementos importantes ao longo da súa carreira: estreou a Alborada con gran éxito na Coruña, recibiu unha medalla de ouro na Exposición Universal de París... Aínda así, pódese dicir que a Pascual Veiga non o acompañou a sorte ao longo da súa vida. Mesmo cando faleceu, en xullo do 1906 e sen chegar a presenciara estrea oficial da súa obra, os seus restos mortais tardaron case seis anos en retornar a Mondoñedo debido á falta de recursos.

-Só un ano máis e chegaría a ver o nacemento do himno, pois estreouse de xeito oficial no 1907.

-Bueno, eu son defensor de que o nacemento desta peza foi no 1890, cando se convoca un certame en A Coruña e Veiga lle pide a Pondal que escriba unha letra para acompañar a súa partitura. Eu creo que ese foi realmente o xerme da peza. Polo medio, claro está, hai moitas fases e etapas diferentes para chegar a declararse oficial, no 1907.

-A piques estivo de ser Curros o protagonista desta historia, pois foi a quen se lle encargou o labor de escribir a letra inicialmente.

-Iso foi un pouquiño posterior a esa primeira toma de contacto que tiveron Veiga e Pondal. Xosé María Fontenla Leal [intelectual galeguista] encargou a Curros, que daquela tamén vivía na Habana, a confección da letra para un himno galego, sendo José Castro Chané para a melodía. A principal circunstancia é que Chané e Curros levábanse a matar por aquel entonces, polo que se fixo complicado seguir adiante. Como consecuencia diso, naquel momento alguén lle lembrou a Fontenla que Veiga xa traballara ese asunto con Eduardo Pondal e puxéronse en contacto de inmediato con eles. Fixéronse algunhas revisións á versión orixinal e finalmente estréano na Habana no 1907, un ano despois do pasamento de Pascual Veiga.