«A mocidade é coraxe, paixón, ideas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

PONTECESO

SUSO PENA

Afirma que o seu traballo quixo basearse nos valores da mocidade na procura dun mellor porvir. É o coordinador de Xermolos, natural de Ponteceso e será homenaxeado o 8 de xullo

23 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Blanco Torrado (Montevideo, 1950, aunque con raíces en Ponteceso) é coñecido por moitas facetas (profesor, crego, coordinador da Asociación Cultural Xermolos...) que foi desenvolvendo nas últimas décadas en Guitiriz e no resto da Terra Chá. Esas dimensións teñen implicado a organización de moitas actividades, aínda que agora vai ser el o protagonista dunha homenaxe, que terá lugar en Santa Mariña de Lagostelle, onde é párroco, o día 8 de xullo. Será o recoñecemento a alguén que leva máis de 40 anos na comarca, á que chegou en 1976.

-Foille difícil asentarse na comarca?

-A miña familia non era labrega; meu pai era camioneiro. Pero realmente non foi difícil, porque en Salamanca [onde estudou Teoloxía] montamos unha asociación de estudantes e creamos grupos de traballo cos que tentabamos prepararnos para o futuro labor nas comarcas. Había futuros médicos, futuros mestres, futuros curas..., para entender o rural e descubrir novos horizontes. Mesmo no Nadal e no verán tiñamos xuntanzas seguir afondando. Recordo, por exemplo, charlas de Xosé Manuel Beiras, de Ramón Piñeiro, de Francisco Carballo... O rural era o noso norte.

-Foi ben acollido ao chegar a Guitiriz?

-Si; sobre todo, pola mocidade. [Miguel Anxo] Araúxo [daquela bispo de Mondoñedo-Ferrol] orientou o meu traballo aquí cara á mocidade, porque coñecía o noso traballo en Salamanca e o meu entusiasmo para traballar coa xente nova. De feito, a primeira tarde que estiven en Guitiriz preparamos unha xuntanza de mocidade, que case foi a orixe de Xermolos. Foi no [bar] Gaibor. Eu lamentaba que a mocidade non fose tida en conta pola sociedade: a mocidade é coraxe, paixón, ideas, vontade de mellorar... Quixemos utilizar os valores da mocidade na procura dun futuro mellor para Guitiriz e para a comarca.

-Deu froito esa semente?

-Penso que si, non só polas actividades senón porque Guitiriz se beneficioiu da emoción e da solidariedade da mocidade. Hoxe os mozos son máis tidos en conta en Guitiriz, en Parga... Creo que é o froito da sementeira.

-A comarca da Terra Chá foi comparada por Manuel María, nun poema, cun mar en calma. Atopou aquí un mar tranquilo ou augas estancadas?

-Un mar en calma. A min vir de Bergantiños e da Costa da Morte [as súas orixes familiares están en Ponteceso], zonas ben definidas, axudoume a entender a Terra Chá dende a paisaxe. Non hai esa poboación tan cantareira como é a da costa; a xente da Terra Chá é máis tranquila. Unha cousa é a fervenza do Ézaro [en Dumbría], e outra, o Miño vagarento pola Terra Chá. Creo que son augas tranquilas, que fan xermolar unha flora, pero son augas que se moven.

-Hoxe, pasados máis de 40 anos dende a súa chegada, séntese chairego?

-Si. Son chairego porque sempre me gustou ir lugar por lugar, aldea por aldea. Tiven esa ilusión sempre. A miña ilusión é coñecer fanega a fanega a Terra Chá, sempre lembrando que aínda quedan tesouros que non coñezo Síntome fillo dela, transplantado. Eu son fillo da emigración: nacín en Uruguai; vinme novo para Ponteceso; durante anos pensei en volver para alá, pero cando quedei, foi coa decisión de entregarme ao que é noso.

-Son máis conformistas os rapaces de hoxe ca os de hai 40 anos?

-Cada xeración é un mundo; no instituto, sobre todo, percibín iso. O conflito xeracional notábase máis antes: ese debate cos adultos nas familias... Hoxe, quizais porque non hai traballo, os rapaces viven máis anos coa familia, e iso ten cousas boas. Sempre digo que fallamos os adultos, que non sabemos transmitirlles as nosas raíces. A xente nova, cando as descobre, convértese en seareira. Non a vexo acomodada: nós viñamos dunha ditadura, sabiamos o que era a falta de liberdade; eles naceron e medraron en liberdade.

-Hai unha maneira de ser chairega?

-Si. A xente da Terra Chá é aberta ao futuro; está afeita a mirar cara adiante, en chairas longas, e iso defínea. Quizais por iso, é máis aberta a comezar un diálogo, a abrirse ao futuro, a dar a man aos outros.

-Canto lle axudou a literatura a comprender a comarca?

-Na Terra Chá, todo. Manuel María non foi o que inventou a Terra Chá, pero foi o que nola reinterpretou. Grazas a el, a [Xosé María] Díaz Castro, a Aquilino [Iglesia Alvariño], a Noriega [Varela]..., coñecín mellor a comarca, da que alguén dixo que era unha patria poética.

«Teño a sorte de que os meus colegas son xente nova; iso axúdame a manter a ilusión»

Ilusión e entusiasmo son dúas palabras que axudan a reflectir o traballo de Alfonso Blanco, a quen nin os problemas de saúde afastan da actividade; por exemplo, adoita acudir todos os días á biblioteca que en Guitiriz atende Xermolos. Con ilusión, pero tamén con lucidez afirma que a asociación mantén o seu proxecto de restaurar a casa natal de Xosé María Díaz Castro, situada nos Vilares e entregada á asociación por disposición testamentaria do derradeiro dos irmáns do poeta.

-Aínda conserva a ilusión de hai anos?

-Teño a sorte de que os meus colegas son xente moza: soño con eles, programo con eles, e iso axúdame a manter a ilusión. Malia os problemas de saúde, a idea é seguir soñando.

-Mellorou Guitiriz dende 1976?

-Avanzou en certos aspectos, modernizouse; pero as aldeas están máis illadas, despoboadas. Houbo unha época en que os balnearios, todos en xeral e o de Guitiriz tamén, tiñan unha forza que hoxe non teñen, e iso nótase na rúa. No ensino, si hai uns medios que antes non había.

-Velle bo futuro?

-Os que somos soñadores temos que pensar que si; pero sempre, vencellado coa Terra Chá e con Galicia. Eu mesmo creo que as cidades dependen do medio rural. Hai que pensar que se volverá abrir o balneario e se superará ese ir e vir. Temos recursos: a auga, a pedra... Hai que usalos para mellorar o nivel económico e o cultural.

Os mortos no verán de 1936, na memoria

A homenaxe que recibirá Alfonso Blanco, preparada por amigos seus, xorde dunha homenaxe na que el está a traballar dende hai tempo: trátase dunha lembranza de republicanos da Coruña que foron sorprendidos no verán de 1936 en Santa Mariña de Lagostelle, a onde chegaran fuxindo da represión do bando franquista na cidade. Os corpos dalgúns aínda xacen na parroquia, preto da igrexa.