Entrevista co xerente de Devesa Langueirón, a segunda granxa de Galicia: «Hoxe o termo 'sen' parece moi saudable. Sen isto, sen aquilo. Hamburguesa sen carne?... A que xogamos?»
02 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Xusto Sánchez Varela (5 de novembro de 1955) é o xerente de Devesa Langueirón, de Ponteceso, a segunda granxa máis importante de Galicia, «cuns 750 animais, dos que 278 son vacas maiores que acabaron a lactación».
-Din que hai tres graves problemas no campo: o tamaño dos terreos, a continuidade das explotacións e a falta de man de obra.
-Din que o peor é a man de obra.
-Pero se hai 3,2 millóns de parados!
-Iso son as estatísticas, pero logo chamas á oficina do paro e non atopas o perfil.
-Págase pouco?
-Non é iso. Estamos nun salario de 1.200 euros máis ou menos. O traballador ten que ser unha persoa con interese por aprender, con dotes de disciplina, orde e observación mínimas. E que lle guste. E despois estamos no campo, lonxe das cidades, e quedamos sen xente.
-Que remedio hai para que o campo non esmoreza?
-O campo está desvirtuándose na súa esencia. Do natural. Do leite leite, da carne carne. Eses conceptos están manipulados na que podemos chamar sociedade mediática, na que aparece un gandeiro que pasa de todo. Falan do campo cambiando a realidade. E saen noticias como aquela que se difundiu en Francia sobre o cancro. Dicían que esa enfermidade era máis habitual no campo que nas cidades. E era mentira. As fake news acaban co campo. Miles de gandeiros europeos saíron en manifestacións o 1 de outubro para defenderse das noticias que os acusan de contaminadores. Son temas que nos preocupan. Estamos producindo de maneira tradicional leite e carne. Nesta sociedade parece que non vale o que é, senón o que parece. É o sentir nas redes sociais. Á carne e ao leite non fai falta meterlles sabores de Xapón. Supoño que se trata dunha guerra comercial para darlles cor ás cousas co fin de vendelas. Conservar as cousas naturais é un potencial que non debemos perder. Hoxe o termo sen parece moi saudable: sen glute, sen isto, sen aquilo... Hamburguesas sen carne. A qué estamos a xogar? A sociedade está perdendo o sentido común. A xente de verdade está preocupada polo que come?
-Como están as relacións coa industria?
-Estamos nas mans da industria. O paquete lácteo non fixo máis que favorecela. Tes que vender leite cun contrato. Pono a industria e se non o firmas non tes a quen vender. Non o podo mellorar. Non podo mover nin unha coma.
-Mellor con cotas ou sen elas?
-A normativa do paquete lácteo estanos prexudicando. En Galicia vendemos o leite dous céntimos máis barato que no resto de España e a tres céntimos menos que en Europa. Lembra a multa de 30 millóns de euros que lles meteu Competencia ás industrias? Pois agora parece que hai algo tácito entre elas (non sei se se pode demostrar) que fai que teñamos estes prezos.
-Participa nalgunha organización internacional?
-Si, en European Dairy Farmers. Xuntámonos para compartir información sobre a produción e os seus custes.
-Pasou algunha vez Feijoo pola súa explotación?
-Non. Hai quince anos... Pero a nosa zona non é moi... vamos non ten importancia. Un verdadeiro problema é o tamaño das fincas. Hai un proxecto que está a sacar a consellería e no que está involucrada a Fundación Juana de Vega que dá boas sensacións. En Galicia pode haber dous millóns de fincas de menos de 1,5 ferrados. Son o paradigma do minifundio. Son inamovibles. Creo que o regulamento de deixar dez metros da estrada para limpar o camiño pois pode facer que a xente pense en vender. E se un vende, pode que o veciño tamén.
-Así que os galegos somos...
-Somos conservadores. Non nos desprendemos doadamente das cousas aínda que non nos vallan para nada. Así que o das fincas algunha solución ten que ter, porque nas aldeas quedamos sen xente. Pensemos nas fincas que non teñen donos porque emigraron. Creo que a nova lei vai tomar cartas no asunto. Pode propiciar a limpa dos montes e das terras e os movementos destas entre os produtores en activo.
«A miña nai le La Voz todas as mañás e pola tarde xoga unha partida ao tute»
Os dous irmáns de Xusto Sánchez son socios na empresa e traballan con el na explotación. Os dous están solteiros. A irmá é odontóloga e ten a consulta na Coruña (tamén vai a Ponteceso durante as fins de semana). O xerente de Devesa Langueirón ten xa sucesión familiar. A súa nai ten 88 anos. Vive a 200 metros del.
-A miña familia é un pouco especial respecto as relacións na aldea. Todos os días comemos xuntos. Miña nai tiña cinco irmáns e agora son catro. De 80 anos para arriba. Están todos moi ben. Hai partida todos os días despois de comer.
-E chupito [risas].
-Non. Non son de beber [risas de novo] Miña nai vese cunha amiga de 94 anos que está cañón. Moi activa en redes sociais. Un día normal na casa somos uns dez a comer: a miña nai, a miña muller, a miña tía, os dous irmáns meus, eu, o meu fillo mais novo, súmase o veterinario, que ás veces queda, ou o de nutrición...
-Quen cociña?
-Unha prima nosa, que traballa con nós. Pero a miña nai é a que marca o sal. Está da mañá á noite activa. Coida o porco, as galiñas... Teñen moitísima memoria todos eles.
-A que xogan?
-Ao tute. Alí reúnense a miña nai, miña tía, meu tío, un matrimonio xa xubilado, pero que son máis novos, a carteira, que está xubilada e viúva. Estes días están co tema de envasar produtos de tempada, como pementos. A miña nai sorpréndenos moitísimo. A mañá chega La Voz sobre as nove e a lee, e a repasa. Logo a miña tía fai o encrucillado. Non perde un. Fan unha vida moi sa, moi natural. Esta xente está moi ben de saúde.
DNI DA EMPRESA
Quen son
Segunda granxa de Galicia. Produce 5,5 millóns de litros de leite
Facturación
2 millóns de €
Empleados
14
Domicilio social
Ponteceso