A duna rampante máis alta de Europa

PONTECESO

O Monte Branco (Ponteceso), que leva milleiros de anos abrigando os rumorosos do himno galego, é a duna rampante máis alta de Europa

25 jul 2020 . Actualizado a las 21:01 h.

«Monte Branco, Monte Branco/ cando te vexo de lonxe/verto a soas triste pranto». Eduardo Pondal choraba o paso dos anos comparando as súas canas coas negruras da duna rampante máis alta de Europa. O catedrático de Xeoloxía Juan Ramón Vidal Romaní explica que, nesta paraxe de Ponteceso (A Coruña), a area chega ata 192 metros de alto, 72 máis ca na Dune du Pilat, na enseada de Arcachón (departamento francés da Gironda), que acada os 110. No terceiro posto do podio estaría, segundo comenta, outro Monte Branco, de 85 metros, e tamén na Costa da Morte, o do cabo Veo (Camariñas).

Conta Vidal Romaní que as dunas rampantes da Costa da Morte empezaron a formarse hai 7.000 anos. Ventos que toman rachas de 120 e 140 quilómetros por hora foron arrastrando area ata o cumio. Sábeo porque se fixeron datacións na base destas grandes masas de grans de cuarzo e feldespato, materiais derivados da destrución do granito. Hai un terceiro compoñente, os bioclastos, orixinados por fragmentos de cunchas de moluscos. Acumula tal cantidade, di o científico, que os áridos están cargados de carbonato cálcico, unha combinación química que ten capacidade para disolver o granito. Por iso, engade, entre Punta Nariga (Malpica) e Touriñán (Muxía) hai grandes superficies de rocha con efectos deste proceso químico e o conseguinte fenómeno corrosivo. Asegura Vidal Romaní que un dos exemplares nos que se

pode ver esta acción dexenerativa é a Pedra da Serpe de Corme (Ponteceso).

Pero o Monte Branco é moito máis ca unha curiosidade xeolóxica. É un tesouro paisaxístico e ambiental. No Petón da Farola, o mirador do alto, un recibe un forte impacto de fermosura natural. Ao seu pé, o río Anllóns vai morrendo no Atlántico acompañado por unha lingua de area de quilómetro e medio. A auga ofrece faixas de cores segundo as profundidades, un espectáculo que cambia día a día. A un lado, a inmensidade do Atlántico, ao outro o val nativo de Pondal, coa casa do poeta á beira do vello porto fluvial. Segue a xunqueira e o esteiro, con microtopónimos cargados de lendas e referencias poéticas, como o Pozo da Xerpa. Alí había unha serea encantada, metade serpe metade muller.

No illote dos Cagallóns consérvase unha planta única e amiazada, a Omphalodes littoralis, subespecie gallaecica. Só se pode atopar neste lugar e mais en Baldaio (Carballo). E a base do promontorio areoso, que ten o seu ornitólogo de cabeceira, José Luis Rabuñal, é un paraíso da fauna avícola. Rabuñal ten contabilizado máis de 300 especies: mazarico común, gabita, cullerete, lavanco, cerceta, garzota, garza real, corvos mariños... E máis outras 29 ou 30 procedentes de América que só se poden ver nesta paraxe. Incluso logrou avistar primeiras citas en toda a península ibérica como a do pirlo de Alasca ou a da píllara semipalmeada. Rabuñal chegou a emocionarse cando viu un pirlo miudiño, que non pesa máis de 25 ou 30 gramos e que deu cruzado o Atlántico. Monte Branco, un xigante de area que dá refuxio a un mundo de vida.

Milleiros de anos

A duna rampante de Monte Branco comezou a formarse hai 7.000 anos

Os ventos

As rachas de ventos de 120 e 140 quilómetros son as causantes deste fenómeno