Plumas con mando | O maio das lembranzas

josé maría varela

PONTECESO

Xosé María Varela
Xosé María Varela Ana Garcia

A unión e o esforzo chegan a todos os cornechos do noso país, escribe Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai case corenta anos, maio é un mes especial no calendario da Aldea do Couto. Na década dos 80 viñemos celebrando o domingo posterior ao 17 de maio a Festa das Letras no Quinteiro. Humildemente, pasiño a pasiño, co compango dos libros e da artesanía e sen axudas institucionais. Cos nosos primeiros gaiteiros. Cos nosos primeiros grupos de baile. Co teatro dos amigos... e, sen carpas, a corpo descuberto. Tamén fomos medrando cara o baixo ou cara a eira dos veciños e tamén seguro que fomos dos inventores do camión escenario. Máis adiante tamén presentamos varios números da revista A Insua, e viñan escritores locais, humoristas ou regueifeiros e chegou a tocar a banda de música local ao completo.

Na década dos 90 a nosa celebración cambiou de emprazamento. Medraron os días de celebración e as casetas de táboas con teito de xestas acolleron a artesáns e artesás procedentes de puntos distantes do noso territorio que chegaron a converterse en xente da casa coma os Ferro de Merza. Bandas de música, teatro de rúa, bandas de gaitas e grupos de música folk foron un complemento esencial á entrega de premios literarios ou os pregóns ou os recitais de poesía de Manuel María ou Miguel Mato. E como quen dis con Carlos Núñez coa súa primeira actuación ou cos espectáculos do mago Antón ou do cheo absoluto no concerto de Milladoiro. Tamén os monólogos de Carlos Blanco. Mesmo chegamos a ocupar leiras e prados do Agro do Dego por imperativos de espazo.

Na sede da nosa Casa dos Veciños quedaron para sempre as pegadas da presenza dos escritores e escritoras homenaxeados: Manuel María, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Fina Casalderrey, O Batallón literario da Costa da Morte ou o grupo Brais Pinto entre outros. E no adro da igrexa Isaac Díaz Pardo inaugurando un monólito conmemorativo do noso gran día.

O Festiletras

A mediados do 2000 contamos cun terceiro emprazamento na horta e na eira do cura. As carpas que albergan a Feira da Artesanía e os libros mais que tamén serven para acoller as máis variadas manifestacións artísticas. Énchense cos espectáculos de Mucha e Nucha, de Sés ou de Xabier Díaz. Nace o Festiciencia. Entregamos os premios Bos e Xenerosos, As Literatas. Ampliamos o radio de actuación á Casa do Cura e á ofrenda floral con repique de campás e lanzamento de foguetes no adro da igrexa. Soan solemnes as gaitas. Rexeneramos con murais as paredes feas de cemento. Vén máis xente ca nunca de todos os cornechos do país. Aqueles cartaces nos valados son substituídos pola divulgación nos medios e nas redes e chegamos a máis destinatarios. Tamén contamos con máis apoio das institucións.

A pandemia tróuxonos a necesidade dun cambio na celebración. O 17 do ano pasado de xeito virtual e cun denominado Esencia Festiletras en setembro e neste ano cun Dezasete de placas de barro nos rueiros, recital, entrega dos premios As Literatas e presentación do libro de Fina de Xusto e un concerto musical sentadiños e separados. Quedan outra vez para setembro cinco días de Festiletras con música, artesanía, ciencia e literatura segundo o permita a evolución da epidemia.  A unión é o esforzo deste lugar permitiu case corenta primaveras de celebración da nosa cultura ( e as que virán...).

Xosé María Varela é xerente da Fundación Eduardo Pondal.