O Couto repite «milagre»: xa veñen as 39.ª Festiletras e este é o programa
PONTECESO
Serán cinco xornadas de intensa e variada actividade cultural: todo, entre o 1 e 5 de setembro
15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.«Un ano máis, o milagre parece que é posible», comenta a organización, a Fundación Eduardo Pondal. Hai xa tempo que as Festiletras do Couto, en Ponteceso, se anuncian cada ano a xeito de prodixio, se ben é certo que nada chega sen traballo de raíz e vontade colectiva. Do 1 ao 5 de setembro, esta aldea bergantiñá volverá ser o epicentro da cultura galega para festexar as Letras. Fóra das datas habituais, como ocorreu no 2020 co Esencia Festiletras, mais respondendo a contexto que trouxo a pandemia. Literatura, ciencia, espectáculos musicais para todos os públicos, teatro, música tradicional, humor, Bos e Xenerosos... Guadi Galego, Fetén Fetén, Xosé Lois Romero, Caldo, Carlos Blanco, Xosé A Touriñán, Celso Fernández...
O covid chegou para impoñer novos protocolos e ademais de todas as medidas hixiénico-sanitarias, apostou a organización por habilitar novos e espazos diversos. A maiores da sede da fundación e do seu entorno, serán lugares de participación o Rueiro de María Antonia, O Quinteiro, O Campo, a Rúa Travesa, A Fonte... Eiras, cabanotes e encrucilladas acollerán colorido e animación, ao abrigo de casetas feitas por voluntarios a base de palets e madeira de serradoiros próximos. O Festiciencia, o Festicop ou a Feira da Artesanía andarán camiño nestes acubillos. O colectivo teatral de dramatizacións liderado por Yago Espasandín, os obradoiros artesanais ao vivo, os xogos tradicionais da man de Miudiño e o Melga... Moitos motivos de ledicia. A creatividade e a imaxinación non se deteñen. Case 40 anos e seguen sumándose propostas, caso, este ano, do ciclo Lendo a ciencia. Tamén adopta un novo formato a entrega dos Premios Bos e Xenerosos. Serán tres e, no canto de acudir todos xuntos a recoller o seu galardón, terán cadansúa xornada propia: son Xurxo Souto, Elena Ferro e Quique Peón.
Para que todo isto sexa posible colaboran Xunta, Deputación, Concello de Ponteceso, Consello da Cultura Galega, no ámbito público, e Gadis, DeLeite, Bico de Xeado e Terras Gauda, no privado. Nada sairía adiante, tampouco, sen o voluntariado, mozo e sénior: «Limpan, cosen, carrexan, organizan...». Aí o está, logo: a vontade colectiva. Velaquí o programa:
Mércores 1 de setembro
Lendo a ciencia • Mañá e tarde • «Lendo a ciencia» é unha das novidades nas Festiletras deste ano de cara ao público máis novo. Unha proposta de lectura en galego que levará ata O Couto ao autor en cuestión, e tamén apoio científico. Unha «mestizaxe» de letras e ciencia da man de diversos nomes. Nesta xornada estará, ás 11.00 horas, a ceense María Canosa (obra H2... Oh!), así como o prestixioso xenetista Ángel Carracedo. Ás 12.00 pasará Concha Blanco, con Macedonia de versos; ás 16.00 Juan Castro Rivadulla, con A que cheiran as cores? e, ás 17.30, María Solar, con Os nenos da variola. A isto haberá que sumar espectáculos musicais, caso do concerto Os soños dos golfiños (12.30 horas) ou da Banda das Apertas, que levará a Magín Blanco ata esta aldea pontecesá a iso das 14.00.
Mamá Cabra • 18.00 horas • Pasaron onte por Malpica e o día 1 estarán no Couto. Mamá Cabra & Bellón e Mosqueira ofrecerán ante os nenos A música das buguinas.
Xoves 2 de setembro
Lendo a ciencia • Pola mañá • Rosa Aneiros, Ceo Aberto e Íntegro, arredor da obra Xelís, o guieiro das botellas do mar. Haberá ademais un obradoiro compartido con mariscadoras e redeiras.
Recollida de plásticos • 14.00 horas • Abundando na mensaxe ambiental, Íntegro dará a coñecer o seu proxecto Diversiplás, posto en marcha co apoio da Consellería do Mar: isto é «+ Diverso, - Plástico».
Celso Fernández Sanmartín • 16.30 horas • Este contador nato de historias, cun xeito de narrar tan particular, levará ao Couto Contos de animais, historias nas que tamén se ten internado o autor Henrique Harguindey.
Fantoches Baj • 17.00 • Sesión de animación. A fábula galénica do escritor Inacio Vilariño chegaralles aos pequenos coa compañía Fantoches Baj.
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán • 18.00 • 8 euros • Dous dos máis grandes do humor galego. Un remate de altura.
Venres 3 de setembro
Festiciencia e máis Lendo a ciencia • O Festiciencia é un formato de celebración, encontro divulgativo ou feira arredor das ciencias que enraizou con éxito en Cospindo. Non faltarán actividades este ano. Nesta xornada seguirá ademais Lendo a ciencia, con Sabela Fernández Trelles e a obra Que queres ser de maior, pequeno? Experimentos, obradoiros e espectáculos iranse vendo ao longo deste día. Outra obra para esta velada, a de Luísa Martínez: Puf, vaia peido. Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes (16.00 horas).
Fetén Fetén e Amigos • Concerto con entrada (8 euros) • 18.00 • Jorge Arribas e Diego Galaz teñen un ritmo propio, din deles que son «a linguaxe da alma feita harmonía».
Premios Bos e Xenerosos • Xurxo Souto • Tres son as persoas galardoadas este ano. A primeira en recibir o seu premio será o artista, autor, divulgador... Xurxo Souto. Faráselle entrega intres antes do concerto de Fetén Fetén.
Sábado 4 de setembro
Encontro Aldeas Singulares • 11.00 horas • Un panel de experiencias con proxectos dende o rural que contribúen a facer país e futuro.
Festicop e pasacabanontes • Festicop é a Feira das Cooperativas. Do pasacabanotes musical encargarase Inllar.
Banda infantil de Xinzo (Ponteareas) • 13.00 horas • Actuación con entrada de balde.
Caldo • Concerto de balde • 14.00 • Violín, voz, pandeireta e guitarra, cunha banda viguesa de nome Caldo.
Máis pasacabanotes • 15.00 horas • Desta volta con A Tagea e A Requinta da Laxeira.
Guadi Galego e Amigos • Concerto con entrada (8 euros) • 18.00 • Guadi Galego é a voz melodiosa da terra. A raíz sentida. Unha boa amiga, tamén, da familia do Couto.
Premios Bos e Xenerosos • Elena Ferro • Segundo galardón deste ano, á artesá Elena Ferro, zoqueira imprescindible.
Domingo 5 de setembro
39.ª Feira de Artesanía • Dende as 11.00 horas • Música, literatura e artesanía estiveron sempre ligadas, dende a primeira celebración das Letras. Esta feira é xa todo un clásico na mañá do domingo. Volverá haber pasacabanotes, Os Viqueiras e cabezudos. Xogos tradicionais dinamizarán o Espazo DeLeite.
Faíscas da Pontraga • Concerto de balde • 14.00 • Sesión de folk na hora do vermú
Pasacabanotes • 15.00 horas • Sumarán animación Os Farrapos e tamén Xa Era Hora.
Xosé Lois Romero & Aliboria • Concerto con entrada (8 euros) • 18.00 • Din que «Xosé Lois Romero & Aliboria son o proxecto indicado para trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se converte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical». Nada menos.
Premios Bos e Xenerosos • A Quique Peón • Mestre, recolledor e espallador da tradición.
Intervención de Mutante Creativo
Durante os días que duren as Fesitiletras, tamén andará polo Couto o colectivo Mutante Creativo: Mou e Sokram. Eles deixarán a súa pegada nun mural baseado nas orixes musicais do Couto. Andarán entre a Rúa do Campo e A Travesa.