Intensa recta final no Couto ás portas das Festiletras

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Comezou o domingo unha nova edición do campo de voluntariado «Alí, xaz». Remata estes días, tamén, a 40.ª Escola de Verán 

30 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Na aldea pontecesá do Couto hai xa tempo que bulen as emocións polas 40.ª Festiletras, catro días plenos de actividade que se desenvolverán entre este xoves, 1 de setembro, e o domingo. Chegarán logo de xornadas xa moi intensas, como foi a do venres, coa preclausura da 40.ª Escola de Verán na Praza do Quinteiro. Unha estampa para o recordo dos máis de 260 nenos participantes, pero tamén dos voluntarios e das súas familias. O peche oficial será o día 2 e terá sido un mes de ocio e aprendizaxe, con visitas tan destacadas, esta mesma pasada semana, coma a do pedagogo Juan de Vicente Abad, referente nacional en materia de conciliación e bo coñecedor do entorno pontecesán a través da colaboración do IES Miguel Catalán de Coslada (Madrid) co Eduardo Pondal.

BASILIO BELLO

Terán as Festiletras, coma sempre, moitas mans que axuden, e varias delas chegarán a través do campo de voluntariado Alí, xaz, ao abeiro da convocatoria da Consellería de Política Social e promovido dende a Fundación Pondal. Comezou unha nova edición antonte, domingo, e continuará ata o día 8 de setembro. Son nove os mozos participantes, de entre 18 e 30 anos, chegados de Galicia (dous), pero tamén do País Vasco, de Valencia, de Madrid ou de Burgos. Sumarase unha décima persoa, posiblemente hoxe. Mesmo había algunha previsión, tamén, de ámbito internacional, con participantes de Azerbaiyán, pero finalmente non chegaron a acudir.

Alí, xaz estrea este ano novo director, o compostelán Santiago Fernández Ledo. É a primeira vez que participa nun campo de voluntariado con este cargo, mais non é novo nin na docencia nin en Alí, xaz, posto que foi neste proxecto no que fixo prácticas a edición anterior. A primeira xornada, a do domingo, foi unha presentación e coñecemento do Couto, pero onte pola mañá xa se iniciaron en preparativos para as Festiletras. Pola tarde acudiron ao Melga. Virán xornadas intensas, pero aproveitarán os días, tamén, para que os participantes coñezan Ponteceso, a comarca e Galicia. Para hoxe teñen previsto acudir á Ruta da Auga de Zas, a Dombate e ao castro de Borneiro.