
Apuntes históricos | Feito sorprendente é que, sendo o único coñecido na freguesía, aínda non fose inventariado no patrimonio arqueolóxico de Ponteceso
24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Os topónimos As Croas, A Croa ou O Croado abundan en Galicia. Aluden ás «coroas» ou formas circulares que adopta o perímetro do recinto ou das vivendas dos castros, os nosos poboados da Idade do Ferro, concibidos como un universo de curvas. En Ponteceso son coñecidas As Croas de Niñóns, espectacular castro en altura desde o cal se contempla o mar de Niñóns, cantado por Eduardo Pondal. Pero tamén na parroquia veciña de Brantuas xace, esquecido baixo a maleza, outro recinto co mesmo nome. Elévase sobre o lugar da Rocheira en Brantuas de Abaixo, preto do camiño que remata na faldra do monte Faro e a pouca distancia do Regueiro, nome xustificado pola existencia dun regato que antano daba vida ao muíño das Cabras. O seu perímetro forma un círculo case perfecto e o recinto, de aproximadamente 3.822 metros cadrados, vai circundado polo que parece un parapeto.
Entusiasmo
Vixiado polo castro vive José Varela Ameijenda, de estirpe de canteiros. Hai xa anos que nos falou destas Croas, que visitamos recentemente animados polo seu entusiasmo. Alí descóbrenos, en loita contra fieitos e toxos e a despeito dos seus case 87 anos, uns valados de pedra do que podería ter sido unha vivenda. No interior do recinto obsérvanse, en efecto, irregularidades no terreo que delatan estruturas soterradas. Por suposto, deste lugar retirouse pedra noutros tempos, materia prima sen a cal non se entende a esencia destas parroquias de Brantuas e Niñóns, berce de pedreiros e canteiros. É inevitable fantasear coa remota posibilidade de ver algún día As Croas de Brantuas libres de tanta maleza, como ocorreu non hai moito tempo nas Croas de Niñóns ou na Croa do Castro de Cerqueda, grazas a loables iniciativas veciñais e baixo a supervisión de técnicos. Unha especie de «arqueoloxía cívica» auspiciada por divulgadores como Manuel Gago e Xurxo Ayán, que xa traballaron no castro de Niñóns, ou como Xosé Manuel Varela, promotor da recuperación do de Cerqueda.
Encanto etnográfico
Feito sorprendente é que As Croas de Brantuas, único castro coñecido nesta freguesía, non fose aínda inventariado no patrimonio arqueolóxico de Ponteceso. Instada queda a Administración a facelo, antes de que algunha agresión —intencionada ou non— cause danos irreversibles. O lugar da Rocheira, que desde o seu nome homenaxea o enxebre traballo dos «arxinas» ou canteiros, ben merece engadir ao seu encanto etnográfico de arquitectura popular en pedra os valores dun xacemento que é parte da nosa historia.