Luana Sueiro, do IES Eduardo Pondal, gaña o concurso Contos de Primavera

PONTECESO

Segundo e terceiro premio van para o Manuela Rial de Cee e EFA Fonteboa de Coristanco
07 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A vela ondea como unha tola por mor dos case trinta e tres nós, e a corrente non axuda demasiado. Irremediablemente, o barco xa está nun ángulo difícil, a punto de envorcar. Así comeza Nunca te distraias cando podes afogar, un relato escrito por Luana Sueiro Bello, alumna de primeiro da ESO do instituto Eduardo Pondal de Ponteceso. Ela é a gañadora da sexta edición do certame Contos de Primavera, promovido por La Voz de Carballo co patrocinio da multinacional Calvo.
Centros educativos de Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Coristanco e Cee remitiron textos para esta convocatoria. O xurado tiña o papel de seleccionar dez, e logo das valoracións individuais de cada un dos integrantes, e das medias correspondentes, os nove contos que siguen ao de Luana son Nai, de Uxía Santos García (colexio Manuela Rial Mouzo, Cee), Antón o da montaña, de Adrián Varela Dovale (EFA Fonteboa de Coristanco), Furtivos, de Icía Velasco Cures (IES Eduardo Pondal de Ponteceso), Mar aberto, de Pablo Taboada Prieto (Manuela Rial), Sete Saltos, de Lucía Castiñeira Traba (tamén do Manuela Rial), Unha mente mariñeira, de Guillermo Pastoriza Pose (Fonteboa), Valeria, de Julián Blanco Andrade (IES Terra de Soneira de Vimianzo), Falta de galegos, de Adriana Vilar Figueira (Manuela Rial) e Unha utópica realidade, de Laura Martínez Mato (Terra de Soneira). Os docentes xa xubilados José Antonio Viña e Xurxo Alfeirán, así como o sociólogo Santi Pazos, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco, foron os encargados da lectura e valoración dos relatos remitidos a este certame, nacido no ano 2017 e tan só interrompido no 2020 a causa da pandemia do covid. Un concurso irmán menor do veterano Contos de Nadal, tamén promovido por La Voz de Carballo, mais neste caso de Primavera dirixido a escolares de secundaria de centros educativos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do municipio de Cerceda.
O mar, os naufraxios, as relacións familiares (cun apartado destacado para os avós) ou o patrimonio son algúns dos elementos aos que máis recorreron os rapaces e rapazas participantes nesta sexta convocatoria do concurso. Emprazamentos como a praia de Seiruga, O Petón das Ghaivotas, o faro Roncudo, as Sisargas, Malpica, Quintáns, o esteiro do Anllóns ou o dolmen de Pedra Cuberta alimentaron a creatividade dos máis novos, e diso mesmo se trataba, de espelir a imaxinación, sempre en formato conto, con respecto a aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais da Costa da Morte. Partindo desa base, unha temática libre e toda a variedade posible, como así o manifestaron a pluralidade de creacións, unhas máis intimistas, outras de intriga, outras de retrato social...

Os autores dos tres textos que obtiveron maior puntuación [Luana Sueiro Bello, Uxía Santos e Adrián Varela] recibirán, ademais do seu correspondente diploma, algúns agasallos. Haberá diplomas e trofeo identificativo do certame, non obstante, para os creadores dos dez contos máis valorados. O acto de entrega, como xa é tradición, será o sábado anterior ás Letras Galegas: polo tanto, xa este vindeiro 13 de maio, ás 12.00 horas, en Carballo.
No caso de Luana Sueiro vai ser o seu primeiro galardón nalgún dos concursos de La Voz. Xa ten algo máis de experiencia Uxía Santos, do Manuel Rial, aínda que non foi nin en Contos de Primavera nin en Contos de Nadal, senón no certame escolar de contos de misterio Territorio Vákner, convocado igualmente por este xornal, xunto co Concello de Dumbría. Recunca tamén Adrián Varela, quen no 2019 mereceu nada menos que o primeiro premio dos Contos de Nadal polo seu texto A avoa Lola. Cómpre lembrar, por certo, que tanto a terceira edición do certame escolar Territorio Vákner como a segunda do concurso dirixido a adultos teñen aínda o seu prazo de presentación aberto: entrega de traballos ata o 20 de maio.
OS CONTOS PREMIADOS
- Primeiro premio: «Nunca te distraias cando podes afogar», de Luana Sueiro Bello (IES Eduardo Pondal de Ponteceso)
- Segundo premio: «Nai», de Uxía Santos García (Colexio Manuela Rial Mouzo, Cee)
- Terceiro premio: «Antón o da montaña», de Adrián Varela Dovale (EFA Fonteboa, Coristanco)
- Cuarto premio: «Furtivos», de Icía Velasco Cures (IES Eduardo Pondal, Ponteceso)
- Quinto premio: «Mar aberto», de Pablo Taboada Prieto (Colexio Manuela Rial, Cee)
- Sexto premio: «Sete saltos», de Lucía Castiñeira Traba (Colexio Manuela Rial, Cee)
- Sétimo premio: «Unha mente mariñeira», de Guillermo Pastoriza Pose (EFA Fonteboa)
- Oitavo premio: «Valeria», de Julián Blanco Andrade (IES Terra de Soneira, Vimianzo)
- Noveno premio: «Falta de galegos», de Adriana Vilar Figueira (Colexio Manuela Rial)
- Décimo premio: «Unha utópica realidade», de Laura Martínez Mato (IES Terra de Soneira, de Vimianzo)