A Fundación Eduardo Pondal trasladoulle á RAG a nova composición do seu padroado
PONTECESO
A entidade pontecesá vén de renovar a súa estrutura directiva
10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Manuel Varela e Xosé María Varela, membros do padroado da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, visitaron recentemente a sede que ocupa provisionalmente a Real Academia Galega e foron recibidos polo seu presidente, Víctor Freixanes, nun encontro no que tamén tomaron parte os académicos Henrique Monteagudo, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre.
Os representantes da fundación pondaliana regaláronlle a Freixanes unhas fotografías enmarcadas do acto de entrega dos premios Bos e Xenerosos na súa edición do 2013, na que el foi un dos persoeiros distinguidos xunto con Mercedes Peón e Xosé Vizoso.
Cambios no padroado
Tamén aproveitaron para trasladarlle ao máximo dirixente da Real Academia Galega a nova composición do padroado, que é a seguinte: Xosé María Varela, presidente; Pablo Nogueira e Xosé Manuel Varela, secretarios; Xosé Ameixeiras, vicepresidente, e Luz Imia, Concha Blanco e José Manuel Andrade, patróns.