«A miña vida deu un xiro grandísimo, antes cantaba entre amigos e nas igrexas»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

«¿¿É unha cámara oculta??, pensei cando me ofreceron entrar en Luar na Lubre», di a cantante vimiancesa Irma Macías, nova vocalista de Luar na Lubre

06 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben tempo pasou dende aquela nena que, agochada no corredor da súa casa familiar, escoitaba cantar ao seu avó con admiración. Agora Irma Macías, natural de Reparada (Salto, Vimianzo) é a voz de Luar na Lubre, un dos grupos con máis historia e tradición da música galega.

-Leva xa uns meses de xira coa agrupación. ¿Xa se vai afacendo aos escenarios? ¿Ou aínda lles ten algo de respecto?

-O respecto nunca se lle perde [ri], e ademais eu creo que é algo bo, xa que che axuda a entrar con máis valor en cada actuación. Hai un nervio, un desexo de transmitir o máximo posible á xente que te ve nese momento.

-¿Qué tal a resposta do público?

-Boísima. Noto moito cariño por parte da xente, pero tamén por parte dos compañeiros, que me animan a dar cada vez máis de mín. Esa felicidade eu creo que se transmite á xente: facer o que che gusta non ten prezo.

-¿Lembra como reaccionou cando lle ofreceron entrar a formar parte do grupo? ¿Non sentiu un certo vértigo nese intre?

-Luar na Lubre formou sempre parte de min, dende a admiración. Polo tanto, cando me dan a posibilidade de formar parte, claro que impón moito. «¿Hai unha cámara oculta gravándome?», pensas. Non rematas de crelo.

-¿Como vai a xira? Non paran...

-Afortunadamente, vai xenial. Moitísimos concertos e o público pide e responde moi ben.

-¿Qué ofrecen nesta tempada?

-Hai temas clásicos que son ineludibles, porque xa forman parte da esencia deste grupo. Despois está o novo disco, Ribeira Sacra -Bieito é orixinario de Ourense- onde se recollen músicas, melodías e temas orixinarios desa zona. Fálase dos canóns do Sil, do mosteiro de San Pedro de Roca, que tamén ten unha canción...

-¿Veremos algunha representación soneirá tamén?

-[Ri] ¡A quen non lle gusta difundir a súa terriña! De momento da Costa da Morte levamos «Camariñas», que é quizais o tema máis representativo desta comarca. Vaias a onde vaias a xente pídeo, e é moi fermoso ver un tema da túa terra tan ben acollido.

-¿Hai algún outro tema que para vostede sexa especial?

-Levamos nesta xira unha copla chamada «Se queres», na que se fala do carro tradicional galego, e que ten uns arranxos musicais preciosos. Encántame tamén «Tu gitana», todo un clásico.

-¿Quizais «Negra sombra»?

-¡Por suposto! ¡Qué recordos! Foi das primeiras cancións que comecei a cantar en público. Téñolle un cariño especial.

-A evolución dende aquelas primeiras coplas en público é máis que evidente.

-A miña vida deu un xiro grandísimo dende entón. Comecei entre amigos e veciños, despois pasei ao instituto, á Casa da Cultura de Vimianzo e, máis tarde, ás igrexas. Sempre a nivel aficionado e de xeito completamente autodidacta. Verme agora cun dos grandes grupos da música galega, que tanto admirei, era impensable. Dixéronme unha vez que se soñas moi forte, os soños cúmprense. E pode ser que así sexa.

-¿Qué sinte antes dun concerto?

-É un momento de grandísima ilusión. Ver a esa xente que está agardando a que comeces... ¡Non tes máis que ganas de empezar!

-¿Que actuacións lles agardan para fin de xira?

-Quedan aínda bastantes fechas por diante, e moitas fóra de Galicia. Pasaremos por exemplo por Reino Unido e por Montevideo.

-¿Qué tal o trato por parte do público estranxeiro?

-¡Moi ben! Alucino co cariño e a admiración que amosa o público fóra de Galicia. Vese que hai un respecto moi profundo por Luar na Lubre, e demóstrano moito.

-Pois... moita sorte para o concerto de mañá en Cerceda.

-¡Moita merda, como se soe dicir!