Damián Álvarez: «Non sei se son profeta, pero faime moita ilusión desfilar no Encaixe»
VIMIANZO
«Este ano espero participar no salón de moda de Nova York», di o vimiancés
29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Casualidades da vida, ou non, Damián Álvarez Tajes é natural de Pasarela (Calo, Vimianzo), e precisamente nunha pasarela é onde destaca na súa faceta de modelo, un mundo ao que chegou un pouco polo azar hai tres anos -ten 27 na actualidade e naceu na localidade suíza de Delémont, no cantón de Jura- e que lle permite vivir profesionalmente, deixando a un lado o seu traballo de delineante e topógrafo en Ferrovial. Foi unha exparella a que empezou a enviar fotografías ás axencias e o teléfono móbil comezou a soar. Agora é un reputado modelo, que traballa para as primeiras firmas de ámbito nacional e internacional como Guess, Versace, Armani, Dolce&Gabanna, Versali, Lamborghini, Stradivarius... Onte estaba traballando na preciosa rexión italiana de Liguria, preto xa da fronteira con Francia, e aproveitou un oco na súa apertada axenda para atender a La Voz.
-Despois de Liguria, onde traballará?
-Milán, Nápoles, Exipto, Sevilla...
-Unha axenda moi apertada.
-O que piden as axencias, pero este traballo gústame, iso é a verdade.
-Nunca tivo medo escénico?
-Non, porque eu xa facía teatro en Vimianzo, e iso permitiume quitar esa sensación de medo escénico. Ao revés, gústame desfilar.
-Vostede é o protagonista absoluto do cartel e do vídeo do Encaixe de Camariñas, que este ano acada a súa trixésima edición.
-Estou moi contento cos resultado de ámbolos dous traballos. A organización quería algo diferente para esta edición tan especial, algo rompedor e innovador.
-E vaia se o conseguiron.
-Pretendían incorporar ao home a un tecido moi vinculado tradicionalmente ás mulleres, e a verdade é que o resultado foi moi bo. Creo que se acadou o obxectivo.
-Que destacaría da portada do cartel do Encaixe de Camariñas?
-Todos os complementos son feitos de encaixe: o lazo de cor negra, a faixa, o pano da man... O encaixe é un tecido perfecto para o home. Creo que triunfará. Ten uns detalles únicos. O encaixe pode valer tanto para un home como para unha muller.
-Recomendarallo ás firmas para as que traballa?
-Eu traballo xeralmente con estilistas, pero se teño a ocasión de falar con algún deseñador e me pide a miña opinión, daríalla. Na Coruña hai unha casa que emprega encaixe nos seus modelos masculinos, pero non sei se é de Camariñas.
-Considérase un profeta na súa terra por desfilar o 8 de abril en Camariñas?
-No sei se son profeta na miña terra, pero faime moita ilusión desfilar no Encaixe, en Camariñas. Estar en Semana Santa na miña casa, coa miña familia, e desfilar cos meus é algo moi bonito.
-Como xurdiu a posibilidade de protagonizar o cartel e o vídeo do Encaixe deste ano?
-Chamoume o fotógrafo Diego Alonso. Eu estaba a finais do pasado ano en Cidade do Cabo, Suráfrica, e ía estar alí tres meses. Comentou que quería facer algo diferente para a Mostra do Encaixe de Camariñas deste ano. Falamos, e cando regresei de Suráfrica fixemos o vídeo e as fotografías, e a verdade é que me gustou como quedou todo.
-A súa carreira nestes tres últimos ambos foi meteórica?
-Teño a sorte de ter este traballo, pero aínda quedan retos por acadar.
-Como cales?
-As axencias para as que traballo están en Italia, Alemaña, España, Noruega... Pero aínda non desfilei en París ou Nova York, aínda que en Nova York espero desfilar este ano.