A vida en sepia

Natalia Lema Otero

VIMIANZO

Imaxe antiga de archivo, tomada no Concello de Cabana
Imaxe antiga de archivo, tomada no Concello de Cabana

A xente de antes improvisaba nas fotografías, cambiaba o peso do corpo dunha perna a outra mentres esperaba ser capturado polo lente. Non tiñan medo a saír mal, nin á presión social

04 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vimianzo solicitoume hai unhas semanas se lle podía mostrar algunha fotografía da parroquia de Baíñas para a súa mostra sobre a Translatio de Cereixo. Abrir o caixón dos recordos familiares é sempre un exercicio de afecto á memoria e, polo tanto, adoita ser doloroso en parte. Pasar os dedos polas facianas daqueles que xa non están ou nunca coñeceches é botar a vista atrás, ás raíces. Eu teño un aire á bisavoa Mercedes e imaxino se nun futuro herdarei o seu pelo longo e esbrancuxado, os seus ollos cansos e o sorriso que nunca se esgota.

Boto de menos nas fotografías de hoxe o balbordo e a alegría que desprendía a xente de antes. Os retratos familiares que foxen das sesións de agora: miradas impostadas, risas comedidas e posturas estáticas e inamovibles. A xente de antes improvisaba nas fotografías, cambiaba o peso do corpo dunha perna a outra mentres esperaba ser capturado polo lente. Non tiñan medo a saír mal, nin á presión social, por exemplo.

A vida moderna enquistounos nun vórtice de medos que nos acovarda á hora de ser naturais e tirar un brazo sobre o ombreiro dalguén cando tiramos unha foto. Fíxense que a modernidade parece querer suplilo todo. Nun momento dado, ensineille na casa a foto da bisavoa a través dun programa de intelixencia artificial que emula os movementos faciais da persoa do retrato. Puiden emocionar a miña nai que apenas era unha nena cando esta faleceu. En cambio, miña avoa non se sentía identificada ca imaxe en movemento de súa nai xesticulando. Todos nós facemos acenos da nosa forma, movémonos distintamente e funcionamos a través do noso cerebro dunha maneira determinada. Nunca un algoritmo poderá plaxiar con exactitude o noso ser. Non é un posible.