Ana Santos: «Non poderiamos ter mellor Emilia que Susana Dans»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana Santos, en Cigarreiras
Ana Santos, en Cigarreiras BASILIO BELLO

A portentosa obra teatral «Cigarreiras», da compañía Contraproducións, chega esta tarde a Vimianzo, con sete coñecidas actrices enriba do escenario

30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 20.30 horas • Casa da Cultura • Amparo, unha cigarreira que realmente existiu na Coruña e que ten un monumento na súa honra na Praza da Palloza, é a protagonista da novela A tribuna, de Emilia Pardo Bazán, e máis tamén da obra de teatro Cigarreiras, coa que despois de pasar polo FIOT carballés chegará esta tarde a Vimianzo a compañía Contraproducións. Cigarreiras, dirixida por Cándido Pazó, é precisamente unha adaptación de A tribuna ou, mellor dito, unha versión «un pouquiño libre», pero trasladando todas as cuestións que abordaba a novela: o momento social daquel entón, o que pasou na Fábrica de Tabacos coruñesa ou a propia historia de Amparo. Así o conta a mazaricá Ana Santos, que forma parte dun elenco de intérpretes integrado tamén por Tamara Canosa, Susana Dans, Merce Castro, Isabel Naveira, Covadonga Berdiñas e Ledicia Sola. Cigarreiras chega nun ano no que, precisamente, se conmemora o centenario do falecemento de Pardo Pazán.

Tempos convulsos os daquela época, século XIX, pero tempos con ecos na actualidade. «Digamos que nesta obra hai un pouquiño de todo: hai comedia, hai drama... Cándido é un mestre facendo versións, escribe tan bonito que só por iso xa merece a pena acudir ver a función», di Ana, a quen a sesión desta tarde en Vimianzo lle cae preto das súas orixes. Será para ela especial, pois sabe que haberá familiares entre o público. Dentro dese contar bonito que menciona, especifica que se ben a obra de Pardo Bazán era en castelán, todas as intérpretes desta obra interveñen en galego, cunha forma de narrar e cunhas expresións que enriquecen ben o espectáculo.

BASILIO BELLO

«Non podíamos ter mellor Emilia que ela, Susana Dans», afirma Ana sobre a actriz que encarna á novelista. «Unha actriz marabillosa, con moitísima sensibilidade, e ademais xa tivera feito a película sobre Emilia, ninguén a coñecía mellor ca ela», indica. Sete coñecidas actrices, sete mulleres, son as intérpretes desta peza: «Dise que eran 4.000 mulleres na Fábrica de Tabacos e, aínda que algún home houbera, a maioría eran mulleres. Naquel tempo, non imos ir xa máis aló, a man de obra era máis barata. De aí que fosen mulleres e non homes», lembra Ana. «Para os tempos que corren, é unha marabilla dicir que somos sete mulleres enriba dun escenario, e ademais todas estamos nel moito tempo. Sobre todo no momento de contar a sociedade daquela época ou acontecementos que marcaron a historia, como a folga protagonizada polas mulleres da Fábrica de Tabacos, a primeira de Galicia, de España... Vanse intercalando cuestións máis sociais e outras máis privadas, a vida de Amparo», detalla a actriz.

«O teatro é algo vivo»

Do seu paso polo FIOT, que colaborou con esta obra, Cigarreiras obtivo moi boa crítica. «Quedamos con moi bo corpo, porque aínda que sempre contemos as mesmas cousas, cada función é diferente, porque o teatro é algo vivo, con matices. Había moitas ganas pola nosa parte, pero tamén pola dos espectadores, de vernos e escoitarnos. Iso notouse dende o primeiro momento», rememora a mazaricá, inesquecible na Costa da Morte polo seu papel de Pitusa en Mareas Vivas. Carballo foi, tamén, un dos sitios nos que os aforos xa eran máis amplos, ao 90 %, e iso é algo que os actores agradecen, ver ao público xunto. «Entre todo iso e o espírito que nós lle puxemos, a de Carballo foi unha función moi bonita», confesa. Vimianzo non ha ser menos. Pódense conseguir entradas (5 euros) en woutick.es, ou tamén na propia billeteira da Casa da Cultura, dende unha hora antes do inicio do espectáculo.