Natalia Lema: «Ata os máximos ditadores caeron no amor, é algo intrínseco a todos»
VIMIANZO
GENTES DEL FINIS TERRAE | Esta polifacética vimiancesa escribe como un xeito de facer «terapia», di
15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O amor, en tódalas súas vertentes, é o tema predominante no último libro da vimiancesa Natalia Lema Otero (Baíñas, 1999), que apenas entra na vintena e xa ten tres publicacións no mercado. Ben diferentes, por certo, pois pasou dunha compilación de relatos sobre unha aldea anegada, a un ensaio sobre a prevención de riscos no mundo agrario e, agora, a un poemario íntimo, visceral, xenuíno. Representa, di a autora, «á Natalia máis persoal».
Do amor e o delirio leva por título esta nova peza, que foi escribindo aos poucos e que viu a luz da man de Medulia e de Xulio Valcarce, a quen agradece «a oportunidade marabillosa» de poder publicalo. O amor desesperado, o pletórico, o egoísta e cruel, os que marcan, os que emigran ou os que se esvaecen a causa dunha enfermidade tan cruel como é a ELA. Non foi ningún caso próximo o que inspirou a Natalia para escribir desa doenza «invisible», senón o propio interese que ela foi desenvolvendo por un padecemento que describe como o máis «cruel» de todos: «Creo que é a que che fai perder máis o control sobre a túa vida», apunta, e tamén sobre o amor, claro.
Malia que á súa curta idade xa ten tres pezas editadas, a publicación non é o fin último polo que explora as letras, di. Faino por pura paixón, como un xeito máis de comunicarse, de evadirse, de abstraerse. Para ela é unha «verdadeira terapia», aínda que no caso desta obra tiña particulares ganas por compartila co mundo, para que outros sentisen o que ela mesma sentiu neses «poucos anacos» nos que a ía facendo realidade. Ademais, que mellor concepto que o amor, unha emoción —en maior ou menor medida— experimentada por todos. «Ata os máximos ditadores caeron no amor, porque é algo intrínseco do que un non pode escapar. El vén a ti e, aínda que non sexa correspondido, xa o só feito de amar é marabilloso», reflexiona.
Hai moito de romanticismo nesa lírica hoxe feita libro, e mesmo ápices de erotismo salpican algunhas páxinas, acompañadas por gráciles debuxos feitos por ela mesma, unha vertente, a pictórica, que lle vén de familia. De todo iso falará este sábado durante unha presentación que terá lugar na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo. Presentar na casa, di, é unha oportunidade sen igual, aínda que máis que unha exposición unilateral o que buscará é ter un coloquio cos asistentes, para que lles conten as súas impresións e se se viron «reflectidos nalgún poema».
É consciente esta autora de que a lírica non é un xénero precisamente popular, mais destaca que existe un determinado público que ademais de gozar dos clásicos, valora tamén as letras de xente como Carlos Negro ou Emma Pedreira, grandes referentes para ela mesma. Tamén valora ese Batallón Literario que precisamente cumpre este ano as súas vodas de prata: «É un punto de referencia para todos os que hoxe escribimos poesía. Que se xuntase naquel momento tal cantidade de xente coas mesmas inquedanzas, con reivindicacións e con ánimo colectivo é marabilloso. E que non quedase como algo anecdótico, posto que eles seguiron as súas carreiras sendo totalmente prolíficos», relata a autora.
Na actualidade traballa como administrativa nunha empresa do seu Baíñas natal, o que compaxina con estudos da rama de Comercio que cursa pola Uned.
Escribe tamén unha tribuna semanal nestas páxinas [le aquí os seus artigos]. «Ter esta porta aberta para dar a miña opinión sen ningún tipo de límite é unha oportunidade espléndida. Confeso que, ás veces, non teño nin idea do que escribir, pero cando me sento atrapo algunha idea que me vén á mente e sae algo totalmente fortuíto. Gústame», conclúe a vimiancesa.