Rosa dos ventos

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

24 ene 2022 . Actualizado a las 23:59 h.

Cando tiña cinco anos, para min foi o fin de curso máis triste da miña vida. A miña mestra Rosa marchaba do centro e eu non paraba de chorar desconsolada. Como meu irmán era maior, foi e pediulle con toda a cara do mundo o seu teléfono persoal á profesora. Tan amable como fora durante aquel ano, escribiulle nun papel o seu enderezo, nome completo e teléfono cunha caligrafía impecable con rotulador. Quedei triste, abofé, pero durante anos mantiven contacto con ela a través de chamadas ata que extraviei o seu número. Din que os nenos e nenas, de pequeniños, non recordan a meirande parte das cousas. Coido de que debe ser mentira, eu gardo recordos con todo luxo de detalles daqueles anos.

Rosa era unha mestra exemplar. Amorosa, distendida, na tempada de pesca aínda era habitual que trouxese a seu pai a pescar no regato que pasa por Baíñas. Cando viña, quedabamos todos felices porque nos contaba historias como grande fabulador que era. A vida daquela era simple e agora, cando vivimos as responsabilidades do día a día, valoramos a ledicia de ser nenos e non ter máis preocupación. Hai anos, unha compañeira comentoume que vira a esta mestra. Por iso, busquei nas redes sociais o seu nome e mandeille unha mensaxe que tardou máis dun ano en ter resposta. A miña sorpresa foi máxima ao saber que, máis de quince anos despois, ela continuaba acordándose de min.

Por sorte, tiven mestres marabillosos. Profesores de filosofía que me traían libros da súa biblioteca persoal, mestras de galego que me falaban de Pondal e Curros, que me abriron a mente ante as múltiples lecturas dos poemas. Non hai sociedades avanzadas que non teñen mentores que eduquen aos seus fillos na continua adquisición de coñecemento.