Mónica Rodríguez, deputada provincial: «A falta de persoal, de materiais e de empresas está afectando ás licitacións»
VIMIANZO
Ademais de ser a primeira alcaldesa de Vimianzo, é tamén a primeira muller en asumir a área de Vías e Obras na Deputación da Coruña
12 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A vimiancesa Mónica Rodríguez (Calo, 45 anos) estreouse este ano como deputada provincial polo Partido Socialista e fíxoo asumindo unha carteira que durante anos levou José Manuel Pequeño, histórico rexedor dumbriés que se retirou recentemente logo de corenta anos na alcaldía. Rodríguez, primeira muller en levar Vías e Obras na Deputación, é alcaldesa dende o 2019 e nas últimas eleccións municipais obtivo unha cómoda maioría absoluta en Vimianzo.
—Como se vai adaptando ao cargo? Vías e obras é unha carteira destacada na Deputación.
—É unha rama que ten moito que ver coa que era a miña profesión antes de dedicarme ao sector público. Está sendo bonito e ilusionante recordar esa etapa que, anos atrás, vivín dende o outro lado. Son consciente de que é unha área importante, pero entregareime para poder cubrir o maior número de necesidades e melloras posibles. É unha área complexa que require de moito tempo e dedicación, pero ao mesmo tempo é bonita. Só levo aquí unhas cantas semanas, pero estou segura de que será unha etapa de aprendizaxe continua.
—A súa propia experiencia profesional previa estalle axudando neste novo reto?
—Si, eses anos no mundo da construción foron para min un empuxe fundamental e estanme axudando a que a introdución [a este novo cargo] sexa máis fluída. Ademais, esa experiencia profesional previa tamén me valeu para familiarizarme con eses máis de dous mil quilómetros de estradas provinciais que temos na Coruña.
—Foi a primeira alcaldesa de Vimianzo, e agora tamén a primeira muller en asumir este departamento no ente provincial.
—Si, é algo que souben recentemente. Tocoume a min, pero puido ser calquera compañeira. En todo caso, estou orgullosa e moi satisfeita. Primeiro porque é unha área que me gusta, pero tamén porque por fin sexa levada por unha muller. Ten que ser satisfactorio para calquera de nós. Agardo facelo o mellor posible, escoitar a todo o mundo e estudar a viabilidade de todas esas melloras que nos piden cada día. Tampouco será fácil darlle continuidade ao gran traballo que fixo Pequeño todos estes anos. É unha gran responsabilidade.
—Deulle algún consello o seu predecesor? Foron compañeiros de partido, de comarca...
—Por suposto [ri]. Substituireino con todo o cariño. Será todo un reto, pois falamos dun home totalmente entregado e cuns coñecementos moi amplos nesta área.
—Cales son as prioridades que se marcan dentro da área?
—Temos 420 estradas de distinta clasificación —rede estruturante, complementaria ou local— e o maior número de quilómetros son da rede local. A nosa principal preocupación, e por aí irá o noso enfoque, é mellorar a conservación: limpeza, desbroces, sinalización, seguridade e renovación de firmes. As intervencións iranse priorizando en base a criterios como o perigo que entrañe o viario, a necesidade de ampliación ou o estado do firme.
—Como é o reparto de fondos entre os concellos da provincia?
—Tratamos de facelo da maneira máis equitativa posible, sen perder de vista esas prioridades das que falaba. Dos 93 concellos que ten A Coruña, en 90 hai vías provinciais. En todos excepto en Fisterra, Carnota e A Capela, e en case todos os municipios hai proxectos xa rematados, en curso, en redacción, en proceso de expropiación... Outro aspecto que para nós tamén é moi importante é a seguridade do peón, e por iso temos un plan de sendas peonís para camiños históricos, estradas do rural e outro tipo de vías. Todo iso para reducir o número de accidentes e mellorar a seguridade.
—Teñen localizados puntos negros na rede viaria provincial?
—Si, é algo que estudamos, xunto con outros valores como pode ser a cantidade de tráfico que ten unha estrada. Con esa información, que nos dan os técnicos para cada unha das áreas nas que subdividimos a provincia, detectamos as carencias e prioridades. Logo tamén están os concellos, por suposto. Esas reunións cos alcaldes e concelleiros son fundamentais para que nos trasladen as súas preocupacións e, despois, iniciar os procesos administrativos, que son máis longos dos que a todos nos gustaría.
—Ao igual que nos concellos, teñen dificultades na contratación? Procesos desertos, retrasos...
—Si, nótase moito tamén na Deputación. Cando eu estiven no sector privado e me tocou presentarme a estes procesos, a competencia era de sesenta ou setenta licitadores, hoxe en día a situación é radicalmente distinta. Escaseza de persoal, problemas na entrega dos materiais, a climatoloxía deste inverno... E tamén a do verán, pois complicou bastante as tarefas de limpeza.
—Complicacións que non fan senón engordar unhas inversións que xa non son fáciles de xestionar.
—Está claro que dentro dos orzamentos, que ademais estamos a puntiño de aprobar, temos unha carteira e hai que dosificala, pero cónstame que Valentín está moi pendente de que esta área estea ben dotada para atender o maior número de prioridades. Pero non é doado, pois ademais de destinar diñeiro a mantemento, a actuacións e a ese plan de sendas do que falaba, tamén hai que reservar a súa correspondente partida para procesos de expropiación e para a cesión da titularidade de vías que, polas súas características, tería máis sentido que fosen municipais e non provinciais. E esas transferencias teñen que facerse coa vía en boas condicións, claro.