Dos que conversan coas pedras

Moncho Gándara

VIMIANZO

En primeira persoa | Escribe Moncho Gándara | Escoitalos ten moito de máxico, resulta un exercicio de memoria, coñecemento e humildade

19 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa van aló dous meses do pasamento de Fernando do Coto, de Berdoias. Nestes días pasados, de visita á súa familia, tiven a oportunidade de consultar algunhas das cousas que nos deixou, entre elas unha caixa cos cadros que pintou sobre o patrimonio da súa parroquia e doutras do concello. Mesmo nunha das carpetas, a sorpresa dun cartel deseñado expresamente para a exposición póstuma desas pinturas, cun título ben elocuente: «Cando as pedras falan». El, que tanto conversou a miúdo con elas.

Nos seus derradeiros anos, aínda convalecente da súa enfermidade, colaborou coa Asociación de Berdoias e co Semescom recompilando xoias patrimoniais da parroquia: xa con fotos, vídeos, ou mesmo cun sacho ou rozadoira en man axudando a rescatar alvarizas en Boallo, eiras en Berdoias, deixando ao descuberto vellas pedras e chans empedrados para que volvesen falar da vida da nosa xente de moito tempo atrás.

Non podo evitar trasladarme a 1981, aos tempos daquel Fernando mociño, alumno do colexio de Vimianzo, cando nos ensinaba, fachendoso, os coidados debuxos da anta da Casota de Freáns, da torre campanario da parroquia... de tantos debuxos que, coa súa historia, ten plasmado con mimo nas nosas revistas escolares. Nos seus cartafoles deixounos arquivados moitos documentos e recordos daquel tempo, tempos nos que necesitabamos de tanta autoestima polo noso.

Conservo memoria das décadas dos oitenta e noventa como anos duros para «as nosas pedras». Máis dunha calzada empedrada, ou pontella rural, foron arrasadas sen a máis mínima contemplación doutras alternativas posíbeis. Os máis de vinte anos que custou o rescate do conxunto dos muíños e batáns do Mosquetín foron un vivo exemplo daquelas dificultades. A desidia e o desleixo das autoridades locais e autonómicas puxeron en serio perigo a supervivencia e a salvación desas «pedras vellas. Mais, nun exemplo de constancia e perseveranza, vinte e dúas asociacións soneirás brindaron un apoio importante para lograr que se rehabilitase e salvase este conxunto que garda a nosa memoria colectiva e amosa a sabedoría da nosa xente para satisfaceren as súas necesidades. X. M. Lema e R. Mouzo deixáronnos unha documentada crónica, escrita e gráfica, deste enclave e do seu rescate, da que temos moito que aprender.

Solpor desde los Penedos
Solpor desde los Penedos ANA GARCIA

Na década dos noventa, tamén se fixeron patentes graves ameazas contra a integridade dos Penedos de Pasarela e Traba, xa tentando instalar neles canteiras e, máis tarde, implantar parques eólicos. Estes Penedos resultan ser unha das mellores paisaxes graníticas do mundo —como o testemuñan especialistas de renome internacional— e do que destacan como máis singular a gama e grande variedade de xeoformas que presentan e que a converten nun espectacular galería de arte, un museo ao aire libre.

Asociacións soneirás e veciños foron quen de facérenlle fronte ás ameazas e aos discursos da autoridade local daquela para o que «as pedras son pedras» ou «as pedras non se comen». Teño un recordo especial do traballo de Roberto Mouzo percorrendo os Penedos palmo a palmo, descifrando e mesmo bautizando un bo puñado de xeoformas singulares. Nunha boa mostra das súas conversas coas pedras, deixounos para a posteridade un traballo gráfico, carteis, mapas, rutas, debuxos, siluetas, fotos- na publicación da Guía dos Penedos de Pasarela e Traba, xunto con Xosé María Lema, o noso estudoso de cabeceira.

Non podo disimular un sorriso irónico ao comprobar coma os batáns e os penedos, noutrora infravalorados ou denostados, sexan hoxe emblemas públicos dos que se presume e mesmo se lles recoñece unha transcendencia económica evidente.

Hai uns días tiven a oportunidade de visitar e admirar in situ as pinturas milenarias, de hai 6.000 anos, no dolmen de Pedra Cuberta, unha anta e a súa contorna xa de dominio público pola iniciativa pioneira da alcaldía de Manuel Antelo.  Atopeime alí con xente moi recoñecida, que adoita falar coas pedras: Fernando Carrera, Lino Gorgoso, Pablo Sanmartín, David Roget e Eva Olveira.  Escoitar aos que conversan coas pedras ten moito de máxico e resulta todo un exercicio de memoria, coñecemento e humildade, ferramentas imprescindíbeis para avanzar e progresar. Que teñan longa vida!

DNI

Moncho Gándara. Muxián de nacemento, vimiancés de adopción e soneirán de honra. Foi mestre en Vimianzo durante máis de 25 anos. Nas décadas dos 80, 90, e 2000, foi concelleiro nacionalista, e estivo e está implicado na defensa e promoción do patrimonio natural e cultural da Terra de Soneira e da Costa da Morte. Onte, na Asociación Cultural Vencello e Adiante Soneira; hoxe, como membro do Seminario de Estudos Comarcais (Semescom).