Sopa de letras

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

20 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se falar fose coma comer unha sopa de letras, non? Para min a fala son esas palabras que din os vellos e que xa non recordamos os novos como tal. O pano da man, a trabe do cabazo ou os sinais que temos na pel son exemplos de palabras autóctonas que mudamos por castelanismos por mor das interferencias lingüísticas. Penso que repartir chapas e camisetas subvencionadas o Día das Letras pouco incide en gañar falantes nas prazas do país. Parecen o tío Sam buscando adeptos. Para min, hai que mudar a estratexia. O galego hai que promovelo todo o ano, non de efeméride en efeméride.

Curiosamente, dicimos que o galego normativo esta izado de palabras inventadas. Chega con escoitar a un vello de antes para decatarse de que as palabras sempre estiveron aí, mais estamos insulsamente colonizados. Tampouco me vale poñer unha cita preciosa de Cantares Gallegos no día 17 para facernos galegos de pro. O que non se fai en todo o ano, que non se faga excepción nunha xornada. Moléstame tamén esa xente que leva a gheada e o seseo á escrita, inventando grafías coma se fosen máis autóctonos, pero iso xa é gusto persoal. Ningún galego que se fale é feo, ou malo. Os de Vimianzo falan diferente aos de Camariñas, e os de Vimianzo incluso aos de Baíñas. A lingua e os trazos lingüísticos son cousa de poucos quilómetros, apenas metros.  

Eu penso en galego, non imaxino falar comigo mesma noutro idioma, guionizar os meus pensamentos con outro vehículo de linguaxe. Gustaríame transmitirlle isto aos meus fillos un día. Todas as linguas nacen, fálanse e morren. Fagamos que a nosa perviva o máximo ate facerse inmortal e romper a estatística. Que somos galegos, ho!