A compañía Verdeveras, de residencia artística e técnica en Vimianzo, estrea este sábado obra na localidade: 20.30, entradas en woutick.es
02 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.É o outono tempo de teatro. Sábeno en Carballo, pero tamén en Vimianzo, onde este sábado, día 5, botará a andar a programación cultural da nova estación. Farao cunha estrea, As formas do amor, traballo de Verdeveras Producións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego, unha función dirixida por Gena Baamonde. As entradas están dispoñibles en woutick.es ou ben na propia Casa da Cultura, onde terá lugar o espectáculo, ás 20.30. Falou en Radio Voz María Ángeles Iglesias, responsable da dramaturxia da peza e parte do elenco, isto é, intérprete. Nacida en Bos Aires no 1972, está afincada en Compostela, mais estes días, xunto co resto do equipo, é case unha veciña da capital de Soneira. Iglesias, filla de galego na emigración, cruzou o Atlántico cara Galicia no ano 2009. Cun moi bo emprego do idioma, explica que dende sempre mantivo moita relación coa comunidade galega na Arxentina.
—Fan residencia artística na Casa da Cultura. Como os tratan?
—Marabillosamente ben. Moi agradecidos e contentos. Ter unha residencia artística e técnica é un agasallo, e aínda máis se é no sitio onde vas estrear. Estamos a facer casa, co cal os nervios o sábado serán menos.
—Verdeveras ou Verdeverás? Dinlles dun modo e do outro.
—Queda aberto, queda aberto. A min gústame, e así o digo eu, Verdeveras, por esa cousa de que o teatro axuda a ver de verdade.
—«As formas do amor» é unha coprodución co CDG. Unha garantía?
—Creo que si. O Centro Dramático Galego é o organismo de produción teatral máis importante no noso país. Para nós é un recoñecemento, a este traballo, e a outros que xa tivemos por fortuna en coprodución. É tamén unha responsabilidade, logo imos a outros sitios levando esta bandeira.
—Esta obra chega para a compañía logo da peza «Crónica dunha heterosexual insatisfeita». ¿Hai algún nexo de contido?
—Non, en verdade, se ben eu sempre teño a fantasía de que todas as miñas personaxes nalgún punto coinciden. Os dous textos son meus, e aí están estas mulleres falando do que lles acontece, no caso de As formas do amor sobre ese sentimento que dalgún xeito temos tan sobado, pero que sempre está ben revisar. A forma na que nos amamos, como consideramos que é o amor, o amor, neste caso, dunha parella, tendo eu a sorte de compartir escenario con Sergio Zearreta.
—Que nos queren contar?
—Trátase dunha parella que está separada e que, aparentemente, vaise atopar logo dun tempo. Revisamos o que foi e, bueno, a ver que pasa... Si pensamos que hai moitos xeitos de amar, e está ben reflexionar. Pensamos se hai un bo amor, se hai un mal amor, ata que punto ese mal amor é verdadeiramente amor... Algo interesante de ver, como algo nuclear. Hai música, hai humor, a intención é pasarmos un bo momento.
—Aí está Tato López na música ou Octavio Más na iluminación. Canto importan estes factores?
—Moito. O traballo do teatro é en equipo. Cada unha aporta o mellor de si para que a peza estea redonda. Tato é un músico total, e nesta obra hai moita música, todo o amor desta parella vai enredado coa música. Octavio é, doutro lado, un histórico do teatro galego, crea uns climas... Luces, sombras, unha marabilla.
—Antes da estrea farán un pase o venres para estudantes do IES Terra de Soneira. Cre que poden ver algo diferente a un adulto?
—Pois é unha intriga que temos. Vai ser como un ensaio aberto, o trato con adolescentes para nós é unha marabilla e á vez dá algo de medo ver como reciben a obra. A nosa intención non é outra que ofrecer unha achega para que eles tamén fagan esa reflexión sobre o amor, sobre como nos relacionamos. Falando xa dende o ámbito da igualdade, temos moito que traballar nas relacións de parella. O personaxe de Sergio é un home sensible, amoroso, e iso é unha moi boa cousa de ver. Temos estes homes polo mundo, aínda que non sexan os que máis aparecen. Hai outro tipo de masculinidades, e benvidas!
—Logo de Vimianzo virá Cantabria, Brión, Cambados, Vigo, Ribeira, O Barco, A Pobra, Culleredo... Un arranque ben potente.
—E Pontevedra, Redondela, Ponteareas... Ter xa dez funcións programadas no arranque é algo bo para nós, penso que tamén recoñecemento á peza anterior, con moi boa acollida, e ao equipo.