As persoas que dan voltas ao carballo non están rememorando ningún culto pagán, están facendo algo que ten sentido nas súas vidas, vidas do século XXI
17 oct 2024 . Actualizado a las 13:50 h.Fun varios anos á romaría de San Fins de Cambeda. Vin como a xente daba voltas ao carballo, escoitei varios relatos sobre este ritual para escudriñar nunha memoria colectiva; tamén dei algunhas voltas ao carballo. Volvín agora, non de romaría, senón para ver como o carballo caeu co último temporal. Fálase da monumentalidade deste carballo e dos moitos anos que terá. Unha marabilla da natureza.
Mais, para min, sobre todo é un ben cultural, porque ten significado para a xente máis alá da súa antigüidade e tamaño, porque está ligado a un ritual e a unhas crenzas que conforman unha cosmovisión que ten sentido para unha xente. É un referente dun patrimonio colectivo, algo que fala dunha vinculación histórica co territorio, dunha territorialización das identidades. Tiña razón Murguía cando dicía que o carballo era a verdadeira árbore sagrada de nós.
Fálase dun culto dendolátrico, dunha mostra dun paganismo imperturbable que chegaría até hoxe desde os tempos anteriores ao cristianismo. Hai tempo que a antropoloxía desbotou as «supervivencias», esas illas de costumes arcaicas que perduran no medio do océano da civilización moderna e da relixión dominante. Tanto unha como a outra son moi potentes como para permitir esta resistencia e diversidade.
Prefiro falar dunha práctica actual que ten sentido dentro dun tempo e dun espazo social, dun territorio que é un espazo de identidade, identidade xerada pola historia e a vida en común: unha tradición.
As persoas que dan voltas ao carballo non están rememorando ningún culto pagán, están facendo algo que ten sentido nas súas vidas, vidas do século XXI.
Dan voltas porque para eles e elas ten sentido no presente, pois todo ritual é unha ferramenta coherente para ordenar confundidos aspectos da vida humana; tamén, para reforzar lazos sociais, de veciñanza e de pertenza a unha comunidade.
Non sei que van facer co carballo agora caído.
Como cidadán gustaríame que non se faga leña e se conserve no mesmo sitio o anaco do tronco que aínda está de pé, como que se procure que do carballo caído poida brotar outro novo nese lugar. Serían o soporte para unha memoria.
Porque a memoria precisa soportes nos que se ancorar.