![](https://img.lavdg.com/sc/LVWU_wHQeQTNYjYmKvj2QDerA9A=/480x/2024/10/19/00121729355581821430307/Foto/CO20C4F1_18322.jpg)
Noite de ruta polos petróglifos de Berdoias | Medio cento de persoas retaron á escuridade e a choiva para ver gravados
20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os lenzos dos nosos primeiros artistas están espallados polos montes en forma de petróglifos. E en Berdoias (Vimianzo) está un dos principais santuarios deste museo aberto á historia. O venres pola noite, con vento e choiva por momentos, medio cento de persoas desafiaron os elementos climáticos e lanzáronse á aventura de coñecer os gravados do Pedrouzo e Boallo. Organizou o Concello de Vimianzo por medio do seu técnico de Deportes, Víctor Santos, e guiaron o percorrido membros do Colectivo A Rula, principalmente o seu secretario, Pablo Sanmartín, e o presidente, Luis Leclere, entanto que Pepe San Luis ocupouse da iluminación. Protección Civil tratou de evitar que ninguén sufrise dano algún.
Era noite pecha e a primeira parada tivo lugar na estación de arte rupestre do Pedrouzo, descuberta unha parte no 2004 por uns cazadores e a outra por Roberto Mouzo. Son deseños de tipo xeométrico dos albores da Idade do Bronce datados entre o 2100 e o 1600 antes de Cristo. Consta a primeira parte dunhas nove combinacións de círculos concéntricos, coviñas e cazoletas de distinto tamaño e estado de conservación. Son moi difíciles de ver con simple luz do día, por iso se fai aconsellable contemplalas de noite con iluminación axeitada.
Na segunda estación, que está a medio cento de metros, amósanse gravados con sucos máis profundos. Tamén hai círculos concéntricos, combinacións ben singulares e ata un par de cruces históricas que ben poderían limitar o Coto de Berdoias establecido por Alonso de Lema en 1622. Un panel de figuras que espertou a admiración dos presentes, como tamén provocou abraio a estación do Outeiro do Rescoto, en Boallo, unha «alfaia da arte rupestre da Costa da Morte», dixo Pablo Sanmartín.