Marcos Orsi, actor: «No contraste de vidas é onde reside a comicidade de 'Sós'»
VIMIANZO
A compañía Malasombra traerá a Vimianzo este sábado unha peza sobre a vellez, a convivencia, a soidade
28 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Sábado • Soan xa as campás do Nadal, pero na Costa da Morte aínda queda moito outono, e sobre todo, moito teatro por gozar. Esta mesma fin de semana, por exemplo, con ata seis paradas distintas. No caso de Vimianzo, a dramaturxia volverá este sábado á Casa da Cultura, onde ás 20.30 horas, a compañía Malasombra ofrecerá a súa obra Sós. Dirixidos por José Prieto e Xoque Carbajal, subirán ao escenario dous actores ben coñecidos, Jouse García e Marcos Orsi. Foi este último quen deu en Radio Voz unhas pinceladas da peza, para a que se poden conseguir entradas en woutick.es ou ben o propio día, dende unha hora antes, en billeteira física:
—Agardando que cheguen! Levan unha boa xira por Galicia.
—Xa estamos ansiosos, xa! Malasombra é unha compañía teatral consolidada e con prazas bastante fixas nos percorridos cos seus espectáculos [acaba de pasar pola comarca, por exemplo, Testosterona]. Afortunadamente para estes tempos, así é, si.
—«Sós» é unha reflexión sobre a vellez, a convivencia, sobre a soidade. Que poderemos ver en Vimianzo con eses dous personaxes que levan por nome Marcelino e Fermín? Quen son?
—O espectáculo é unha comedia, pero cun fondo que fala de dúas persoas de certa idade, xa maiores, e que, polos motivos que foran, van vivir xuntos a un piso social. Un xa está alí vivindo, e logo chega o outro. Entón, xorden problemas de convivencia, e ao mesmo tempo falan das súas vidas anteriores, como chegaron ata alí, se tiveron parella ou non, o día a día... O máis divertido é velos convivir: que se ve na televisión, que se come, a que hora... Ou que é iso da internet. Ten miga, ten graza, e así intentamos facelo os actores, aínda non sendo tan velliños. Marcelino, que tivo unha vida máis estable e é máis serio, é Jouse, e eu son Fermín, cunha vida máis de aquí para alá, emigración... Nese contraste é no que se apoia a comicidade da obra.
—Hai equilibro entre a comedia e o drama en «Sós»?
—Equilíbrase moi ben, si. Non sabería dicir cal das dúas ten máis forza, a verdade.
—Recibe ben a obra tanto un adolescente como un maior?
—Si, porque se falan de temas da vida mesma, e de problemas de convivencia que tamén pode ter unha persoa nova. A partir de 13/14 anos, penso que vai moi ben, aínda que diría que a partir dos 40 o público se divirte ou lle toca algo máis, porque ou ben ve iso máis preto, ou ao mellor está coidando unha persoa maior, ou ten un maior desa idade na casa. A unha persoa máis nova, parécelle que ese maior estará aí toda a vida.
—«SÓS» alude algo a SOS.
—Si, é unha chamada de atención sobre esas persoas que chegan a esas idades nesas condicións. Para nós mesmos, unha reflexión sobre que tipo de relacións temos, que é o que consideramos importante nas nosas vidas. A partir de aí cada persoa pode levar a súa idea. Non se pretende dicir como hai que facer as cousas, pero si ser conscientes do que hai ao noso redor. Non deixas de poñerte na súa pel, é algo moi gratificante.