Irma Macías, unha estrela con luz propia que brillou en Vimianzo

Marta López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

A artista deu o venres un aclamado concerto no Recuncho Gastronómico do Concello

29 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por motivos de saúde, Coídos, o dúo musical formado por Javier Sampedro e Suso de Quinito, non puido ofrecer o concerto que estaba programado para onte á noite no Recuncho Gastronómico de Vimianzo, ocupando Suso de Andrea o seu lugar.

Quen si pasou o venres polo iglú que durante estas festas está instalado na Praza do Concello foi a soneirá Irma Macías, que presentou ante os seus paisanos o seu novo proxecto musical na compaña de Luís Pinto. «Estou moi nerviosa, porque non me esperaba ver tantas caras coñecidas», confesaba ao inicio da actuación a unha ateigada carpa. «Prometín non facelo, pero xa vou empezar chorando. Xogar na casa é moi difícil, pero estamos cheos de ledicia e ilusión», continuaba Irma, antes de explicar o «humilde proxecto» no que se embarcou nesta nova etapa da súa carreira musical.

«Naceu dunha inquedanza, porque vas por aí adiante e todo o mundo fala do seu folclore, da súa poesía, da súa literatura... Todo o mundo ama o seu, e aquí parece que o sol da casa non quenta. Temos moito para estar orgullosos», reivindicou, antes de dar comezo a un concerto no que tocaron tódolos paus.

O meu amor é mariñeiro, Negra sombra, La llorona, Ven bailar Carmiña ou Negro Caravel foron algúns dos temas dos que os asistentes puideron gozar ao longo da hora e media que durou a actuación. Gozar, ou mesmo participar, pois a intérprete baixou do palco para bailar cos asistentes e pasarlles o micrófono en temas como a Rianxeira ou o Pousa, pousa.