La Voz de Galicia entregou en Vimianzo os premios do 21.º certame Contos de Nadal. Unha mañá de fantasía e auténtica emoción
22 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ao remate do seu espectáculo O axudante de Nadal, MeRe Clown dixo que o máis importante que un tiña estaba no corazón. Certamente, do auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo saíron onte moitos con el feliz, pois o que alí se fixo foi entregar os premios da 21.ª edición do certame Contos de Nadal de La Voz de Galicia, un concurso que este 2024 reuniu máis dun cento de relatos procedentes de alumnos de terceiro e cuarto de primaria de colexios de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Antonio Candal Rey, alumno do Enrique Labarta Pose de Baio e autor de O burriño que quería ser un reno de Papá Noel, mereceu este ano o primeiro posto. Para el, e para os compañeiros e compañeiras que escribiron os restantes nove textos seleccionados polo xurado, tivo palabras Sinda Cundíns, directora do colexio baiés.
«Agradecervos —expuxo— esas historias tan fascinantes e emocionantes. A literatura é unha ferramenta tan poderosa que vós, que tedes talento, podedes empregala para cambiar o mundo. Coas vosas palabras, coas vosas historias, podedes facelo». Sinda convidou a seguir escribindo, cada día, non só en Nadal: «Que isto sexa o inicio de moitos contos».
A organización do certame, as comunidades educativas e docentes, as familias... todos eles recibiron parabéns por facer posible o que Severino Álvarez Monteserín, director territorial de Cultura, dixo que os pequenos conseguiran facer: «Maxia. O que nos reúne hoxe aquí é o esforzo e a capacidade creativa dos nenos, maxia. Sementamos unha ferramenta e unha ilusión que espero que vos acompañe sempre. De desexarvos algo, o que vos desexo é que non deixedes de escribir, de contar e escoitar historias, de ler. Detrás dun bo libro hai liberdade». Álvarez Monteserín fixo súas palabras do Quixote para o seu escudeiro Sancho: «O que moito anda, moito sabe; e o que moito le, moito ve». «Sentados nun sofá, cun libro, somos capaces de ser piratas, de coñecer paisaxes nas que nunca estivemos, de camiñar rúas de cidades que nunca visitamos, de ser protagonistas de miles de historias», afirmou o director territorial para os pequenos.
En verdade, eles escribiron este ano historias «con agarimo e dedicación», como apreciou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez: «Amosádesnos que o talento literario da Costa da Morte segue máis vivo ca nunca, cunha iniciativa, este certame, xa consolidada como un dos clásicos destas datas». Falou a rexedora de amor pola cultura, de valores, de orgullo da identidade propia, de querenza pola historia, polo patrimonio... «e que todo isto sexa unha fonte de inspiración». Fisterra, Muxía, Corcubión ou Baio foron territorio literario para estes dez pequenos galardoados, algúns deles non por vez primeira.
O primeiro dos agasallos deste sábado foi para o xurado, recollido polos docentes Ricardo Vigueret e María Paz Rodríguez, aos que se engadiría Luís García, de viaxe á súa Asturias natal.
Para as mellores viaxes e emocións, o poder da literatura
Xuntar o Nadal coa Costa da Morte, ser capaces de empaparse do que teñen ao redor, e facelo en lingua galega, era o convite de La Voz neste concurso, posible co patrocinio de EDP Renewables e Fundación EDP. Así o fixo, e emocionou a moitos, Sofía Domínguez Romero, alumna do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee e merecedora do décimo posto neste Contos de Nadal 2024. Excepcionalmente, o seu texto foi lido en Vimianzo a xeito de homenaxe: O Nadal sen papá. As primeiras festas sen el.
Que ler ou escoitar un conto é a mellor viaxe deixou claro Xosé Luís Vilela, director de La Voz. Con el foi o público ata a terra de mar da súa infancia, Muxía, e mesmo foi quen de marearse camiño da lonxa da Coruña no camión de Rivadulla seguindo as curvas de Moraime, Os Muíños, Suxo ou Berdoias. Así, ata que a nai o fixo baixar en Vimianzo, ás portas dun castelo onde Vilela atopou unha gaiola de ouro. Seguindo ese fío pasou polo escenario a historia da fortaleza, así como a memoria e inspiración que perde cando se arreda de Soneira. A literatura é un xeito de felicidade, e manexárona ben, ademais de Antonio Candal e Sofía Domínguez, Alba García, Olivia Álvarez, Vera Martínez —cun conto tributo a Chete,—, Edurne Trillo, Mateo Fernández, Sara Fernández, Roi Barcelona e Laura Cerviño. De Vimianzo saíron todos con agasallos e alento.