
Cita teatral de altura mañá en Vimianzo. Fala Tito Asorey, director do espectáculo
28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Na axenda para a fin de semana haberá que facer parada de novo en Vimianzo. Mañá, sábado, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura, unha premiada obra de teatro: Continente María, con Ainé Producións. Entradas a 5 euros en woutick.es ou o propio día dende unha hora antes. Falou en Radio Voz o seu director, Tito Asorey:
—Quéreselles ben por aquí.
—Non hai queixa. Estamos felices de volver a esa zona, e sobre todo con esta obra tan especial.
—Din que é un diálogo con María Casares, dende a actualidade.
—María Casares foi a gran actriz francesa da segunda metade do século XX, unha muller nacida na Coruña, galega, que tivo que exiliarse a Francia pola guerra civil. Chegou alí con 14 anos, sen saber nin o idioma, e ao pouco estaba protagonizando obras de teatro, converténdose nunha estrela tamén cinematográfica. María é unha das grandes figuras culturais europeas. Quixemos facerlle unha homenaxe dende o escenario e o teatro, o que ela dicía que era a súa verdadeira patria. O que facemos é, case, unha invocación, a través do corpo e a palabra de Melania Cruz, unha das grandes actrices deste país, século XXI, acompañada por un músico incrible, o multiinstrumentista Vadim Yukhnevich. Non é un espectáculo biografía, un biopic, senón episodios da súa vida para que nos conte a nosa situación presente.
—A crítica fala marabillas do que fai Melania Cruz nesta obra.
—É unha marabilla en todo o que fai, pero nesta obra dá o dó de peito. É unha peza escrita e construída para ela. Non vexo a obra en palabras ou corpo doutra actriz. O ano da estrea, 2022, levou o Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas, se non me equivoco a actriz máis nova que mereceu este galardón. O que fan é digno de ver, nunha peza que xa se puido ver en Madrid, París, Montevideo, Colombia... Chegamos a Vimianzo con toda esta bagaxe de ir polo mundo coa obra e ver que funciona en todos os lugares. A forza de Melania e Vadim é un torrente.
—E a clave desa conexión?
—Transmitir que o teatro é un xeito de estar no mundo, que actuar é un modo de coñecemento, un modo de, como di María Casares, de facernos mellores persoas. De todas as obras que levo, e van 25 anos, penso que é da que máis orgulloso estou. Non queremos deixar de facela nunca. Resume unha poética e unha ética artística. Para min o teatro é un lugar de liberdade. Todo o que digo parecen grandes palabras, pero a Vimianzo convido a vir a todo aquel que queira divertirse, hora e cuarto para rir, emocionarse, implicarse, entender o que ve e saír da sala pensando que o teatro mola.