
Braulio Pérez Astray abrirá os encontros o vindeiro 4 de abril, con «Médicos e medicina rural na Costa da Morte»
27 mar 2025 . Actualizado a las 18:21 h.As presentacións literarias serán un dos eixos centrais da programación do Mes do Libro deseñada polo Concello de Vimianzo, actos que se desenvolverán entre o 4 e o 27 de abril. Braulio Pérez Astray será o protagonista do primeiro dos encontros, precisamente o día 4 de abril, ás 20.00 horas, dando a coñecer a súa obra Médicos e medicina rural na Costa da Morte: afonda na figura de Manuel Pérez Maroño, galeno rural e pai de Braulio. Icía e Xosé Manuel Varela, autores de Cantareiras (Xerais, 2025), presentarán o seu libro o 11 de abril, igualmente ás 20.00 horas. O 23 de abril, coincidindo co propio Día do Libro, chegará a quenda do escritor e xornalista vimiancés Alberto Mancebo: el falará da súa novela Indolente. Finalmente, para o domingo 27 de abril, ás 18.30 horas, quedará Caxoto, que presentará Avoa, neto e burro a través do espectáculo Un libro baixo a almofada. Todas estas presentacións serán abertas ao público, e con elas reafirma o Concello o seu compromiso coa promoción da literatura galega e a creación de encontros en torno a ela.