Segue a loita en Baio polo Día das Letras Galegas para Labarta Pose

Patricia Blanco
p. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

ZAS

Avanzan os pasos na reivindicación da figura e obra do escritor

28 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas segue avanzando na loita por este recoñecemento para o escritor e xornalista baiés (1863-1925). Así, ten habido novos pasos logo da reunión mantida a finais de marzo en Madrid polo alcalde de Zas, Manuel Muíño; o deputado Ricardo García Mira, e o portavoz da Comisión, Jorge Mira. Naquela entrevista co subdirector xeral do Libro foille entregado a este un completo memorando, e o encontro deixou na delegación visitante a idea de que podería haber encaixe para dous dos catro puntos que levaban sinalados: a edición de textos de Labarta e a celebración dun congreso en torno a el.

Así, segundo transmite Mira, na reunión comentóuselles que a Secretaría de Estado de Cultura fai anualmente convocatorias para a edición de libros. A opción do escritor baiés tería posibilidades, por ser un autor cuxa obra é de difícil acceso (descatalogada e non editada), mais tamén polo apoio á súa figura emitido polo Congreso. Habería de ser solicitado por unha editorial, e logo do encontro, xa se teñen feito contactos con varias. Consultado o filólogo Xosé Manuel Varela, bo coñecedor da figura e textos do baiés e activo na súa reivindicación, considerou -traslada o portavoz da Comisión- que das obras que había en mente a máis acaída sería a do sainete Unha boa misa. En canto ao congreso, o subdirector xeral do Libro trasladoulles que, ao igual que para a edición de obras, tamén existe unha convocatoria para este fin. Engadiu que canto máis amplo sexa o abano de contidos que inclúa o congreso, máis posibilidade haberá de ser cofinanciado pola Secretaría de Estado.

Visibilización do autor na RAG

Jorge Mira, tamén académico correspondente da Real Academia Galega, vén de publicar no portal desta institución unha tribuna que visibiliza a figura de Labarta, facendo camiño para que entre os académicos numerarios se vaia asentando a idea dun Día das Letras para Labarta. Neste texto, Mira tilda o apoio do Congreso de «xusto recoñecemento» e menciona tamén como Fernández del Riego dicía del en 1981 que «poucos escritores conseguiron en Galicia unha resonancia popular como a acadada por el». Entregouse á poesía, á narrativa e ao teatro, «combinación pouco frecuente nas figuras do posrexurdimento», mais xa o seu talento se anticipada en 1871, cando o Labarta de 8 anos asombraba coa súa capacidade versificadora. O trazo da axitación cultural medrou nel cando foi a Santiago a estudar Dereito, téndoo cualificado Riego como «xenuíno persoeiro da xeración troiana». A fundación de revistas converteuno nun dos xornalistas galegos máis importantes. O emprego dun galego popular valeulle o éxito, mais tamén a súa obra en prosa fai del un dos narradores clave do XIX, escribe Mira.