A banda de rock deixou unha noite para a historia do festival, un arranque a modo de ritual. Diante deles, un público con moita "juventú" que coreou cada tema
14 ago 2022 . Actualizado a las 01:30 h.Non hai cousa máis chunga na vida ca que che digan «non quero nada de ti». Foi o que confesaron os Heredeiros da Crus o venres no seu debut da Carballeira, ao fío dun dos seus hits. Mais eles non deben ter medo: en Zas quíxose todo deles. Levan 30 anos no escenario, sóbranlle éxitos que nesta primeira noite de festival un público moi xuvenil coreou sen excepción. Os Heredeiros acumulan tres decenios de irreverencia, xa a institucionalizaron, pero seguen a soar frescos. Eles son, como dixeron, «máis duros que os tempos». Había admiración na Carballeira de Velar: fronte ao espectáculo iconoclasta no escenario, un público tranquilo e vibrante. Unha desas noites de maxia que facían falta en Zas logo de dous anos de espera.
Teléfonos coma se fosen chisqueiros, unha conexión absoluta na que, semellaba ás veces, ata aplaudían as follas dos carballos. A golpes de guitarra, e con letras como Tanga do revés, o que esta banda de rock de Ribeira trouxo a Zas non foi só música, senón un ritual cargado de ritmo, no que quedou tempo para que todo o público lle cantase o aniversario a Lidia ou para que Tonhito quedase coma recén nacido cantando unha deconstrución de Super Superman. Xa o dixeron eles: «A Carballeira é a orixe da nosa existencia».
O que fixeron cos seus fieis foi unha especie de bautismo, a golpe de carretilla e mangueira. Axeonllados ante o público e o público ante os Heredeiros, honraron «a este lugar sagrado» no que lles foi «un privilexio tocar». Remataron con Juventú, tede coidado cos paus da lus, pero logo virían os bises: o Pero que ghallo é, a memoria dos galegos que están fóra, ou, a capela, O fillo de José. En palabras de Roi da Costa, de raíces zasenses e presentador este ano do festival, unha sucesión de ondas que envorcan o barco e o volven facer virar. Iso son os de Ribeira.
Difícil de esquecer esta primeira noite de Carballeira iniciada coa poesía e lingua de A Banda da Loba, música comprometida con selo persoal, e rematada con Mileth, «metal pagán galaico» que se afixo moi ben á natureza, aos carballos e bidueiros. Con todo isto no corpo, en Zas entregáronse este sábado ao que aínda ía ser o día grande do festival: mexilloada, Xabier Díaz e Adufeiras, foliada, Arredores, Xisco Feijoo, Rura... A 37.ª edición tivo apoteose para arrincar.