O presidente do CD Lugo, con alcaldes da Mariña

s. c. VIVEIRO / LUGO

CDLUGO

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O CD Lugo segue apostando forte pola súa presenza en toda a provincia de Lugo e por ese motivo celebrou onte unha reunión de traballo na comarca da Mariña Occidental. Ao encontro, que se celebrou no restaurante Louzao de Viveiro, asistiron María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Demetrio Salgueiro, alcalde

de Xove; Luis Pajón, alcalde de Ourol, e José Ramón Soto, concelleiro de deportes de Cervo. Tino Saqués, presidente do CD Lugo, e Carmen Mier, responsable de Marca foron os representantes do clube nesta xuntanza que forma parte do programa «A Nosa Terra, Os Nosos Nenos».

«Esta iniciaiva, que retomou a actividade as semanas pasadas na comarca da Ulloa, ten como obxectivo facer partícipe a tódolos concellos, comarca por comarca, do noso proxecto deportivo. Con esta proposta o CD Lugo quere facer chegar a súa intención de pertencer a todos e todas, que cada lucense sinta como súas as cores albivermellas», explicaban onte desde o clube lucense.

Colaboración

Ao igual que sucedeu a semana pasada en Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, este grupo de traballo é o primeiro paso dunha colaboración cos concellos que máis adiante pode materializarse na visita dos xogadores do CD Lugo as escolas da comarca, así como a posibilidade de levar a cabo un adestramento na mesma.

Mediante esta iniciativa o CD Lugo continúa a amosar a súa aposta por achegarse a cada recuncho da provincia de Lugo e lograr así que Lugo e toda a provincia sintan as cores e ao CD Lugo como algo propio.

Convenio con Burela

O CD Lugo xa mantén unha colaboración estreita co Concello de Burela; recentemente o propio concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, trasladouse a Lugo para asinar un convenio de colaboración. O propio concello burelés organizará un campus de verano co CD Lugo.

Na imaxe da esquerda, vense aos alcaldes da Mariña e a alcaldesa con Jesús Louzao e co presidente do clube lucense, Tino Saqués, clube que está a facer unha boa campaña en Segunda División e que no primeiro tramo da Liga mesmo foi líder e apuntaba a ser un dos que estarían en cabeza para disputar o ascenso a Primeira División do fútbol español.