Todos sabemos que Cervantes é unha das máis importantes figuras da historia da literatura, ou que Einstein o é na ciencia. Xente coma eles está no cumio de calquera ránking de talento porque o vento da historia varreu aos seus contemporáneos, atendendo ao maior ou menor impacto das súas obras. Pero, aparte dos casos obvios, ¿é posible medi-la calidade do resto de científicos? Si. Polo menos pódese acadar unha aproximación obxectiva, medindo tamén o impacto das súas obras: os científicos publicámo-los nosos resultados en revistas propias do noso ramo. Para que o traballo sexa publicado, debe ser revisado por expertos, para garantir que é correcto. Unha vez aprobado, se é relevante e impacta aos nosos colegas, será citado por eles en traballos posteriores. Esa é a clave do sistema de medida: conta-las citas que reciben as publicacións científicas. Por extensión, isto clasifica tamén ás revistas, pois serán máis importantes aquelas cuxos artigos sexan máis citados. En consecuencia, un científico que sexa moi citado ou publique nesas revistas será, en primeira aproximación, un bo científico.