A cociña e a ciencia tamén teñen o seu oco nas Festiletras

carballo / la voz < / span>

CIENCIA

JOSE MANUEL CASAL

Alumnos de Ponteceso, Corme e Laxe participaron nas actividades de onte

15 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As Festiletras afrontaron onte unha das xornadas máis intensas do seu programa abrindo o abano de temas a eidos como a ciencia ou a gastronomía e levando as actividades máis aló da aldea pontecesá de O Couto.

Dous dos actos do día tiveron por escenario o instituto de Ponteceso, onde os alumnos puideron participar nun ameno obradoiro de divulgación científica e nunha reveladora sesión sobre a versatilidade das algas no ámbito da cociña. Desta última cuestión falou a xefa de cociña da empresa Porto-Muíños, Estela Barbeito, quen explicou como aproveitar as propiedades e os distintos sabores que ofrecen as algas así como outros produtos do mar aínda non moi coñecidos pola maioría dos consumidores.

En Laxe, os alumnos do colexio Cabo da Area gozaron tamén dunha xornada dobre de actividades no marco das Festiletras e do programa ConCIENCIA do Noso Pasado. O ornitólogo José Luis Rabuñal Patiño guiounos pola lagoa de Traba e, aínda que non había moitas aves, si logrou conquistar aos pequenos cos seus coñecementos de botánica, mentres que Xosé Lires revelou a outro grupo de estudantes o traballo e o legado do xeólogo laxense Isidro Parga Pondal.

Asemade, os pequenos do colexio As Forcadas, de Corme, pecharon o programa de visitas do ConCIENCIA achegándose coa compaña de Tamara Lema ata puntos de grande interese histórico, natural e paisaxístico como Dombate, Navaliños, Monte Branco, Balarés e o cabo Roncudo.