Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Moito máis intelixentes do que criamos

Antonio Sandoval

CIENCIA

Dos cans é unha frase feita dicir que só lles falta falar
Dos cans é unha frase feita dicir que só lles falta falar USAG- Humphreys

Non só «pensan», os animais tamén teñen conciencia, e os científicos sábeno

08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Sucedeu o 7 xullo do 2012 na cidade británica de Cambridge, famosa pola súa universidade. Por primeira vez na historia da humanidade, a ciencia decidiu dar un paso adiante para deixar ben claros os seus descubrimentos acerca da mente dos animais. Era necesario e urxente. Porque o que agora se sabía non se parecía xa nada ao que se cría ata pouco tempo antes.

Explicouno de xeito moi claro o neurólogo Phillip Low, encargado de redactar o manifesto que logo asinaron figuras da altura de Stephen Hawking: «Decidimos chegar a un consenso e facer unha declaración para o público que non é científico. É obvio para todos neste salón que os animais teñen conciencia, pero non é obvio para o resto do mundo. Non é obvio para o resto do mundo occidental nin para o afastado Oriente. Non é algo obvio para a sociedade».

Non, ata ese momento non era obvio. Tampouco o é de todo hoxe.

Aínda son millóns as persoas que seguen crendo que os animais non pensan, pois non son outra cousa que unha especie de complicados e asombrosos robots biolóxicos que se limitan a responder os sinais da súa contorna. Á fin e ao cabo, esa foi durante moitos anos a idea que deles se tivo, desde que a formulou, entre outros, o filósofo francés René Descartes. En canto a se teñen emocións, foron moitos os científicos que durante décadas o negaron. Sostiñan que o que nos parecían emocións non eran máis que expresións automáticas dos seus músculos.

 

Agora sabemos que non é así. Agora sabemos que os animais son intelixentes e teñen emocións. O cal debe alegrarnos: ¡non estamos sos nesta forma nosa de asomarnos ao mundo! Pero tamén nos obriga a reformular moitas das nosas actitudes con respecto ao resto de seres vivos. E en consecuencia, unhas cantas leis. Entre moitas outras cousas.

 

AS VERDADES DA CIENCIA

¿Seremos capaces? Ou o que é o mesmo, ¿seguiremos os anos vindeiros escoitando as verdades da ciencia en lugar das voces da ignorancia? Aí temos, sen ir máis lonxe, ao actual Goberno de Estados Unidos: o seu presidente e o seu principal asesor en temas de medio ambiente non só negan algo tan demostrado pola ciencia como o cambio climático, senón que intentan calar toda referencia estatal ao que xa é maior problema do futuro. ¿Podemos estar seguros de que en dez ou corenta anos ningunha autoridade se atreverá a algo así, porque a cidadanía, máis atenta nese tipo de casos ás verdades da ciencia que aos discursos dos seus gobernantes, non llelo perdoaría?

Oxalá. Iso vai depender de ti. E dos teus compañeiros. É dicir, de quen hoxe estudades e para entón traballaredes, teredes vosa propia familia e votaredes.

Pensa en calquera animal que che resulte próximo. Un can, por exemplo. Ou un gato. Ou unha pomba, unha gaivota, un golfiño, unha ra... E le o que sobre o seu cerebro escribiu a ciencia aquel 7 de xullo do 2012:

«As evidencias converxentes indican que os animais non humanos teñen os substratos neuroanatómicos, neuroquímicos, e neurofisiolóxicos dos estados da conciencia xunto coa capacidade de exhibir condutas intencionais. Consecuentemente, o groso da evidencia indica que os humanos non somos os únicos en posuír a base neurolóxica que dá lugar á conciencia. Os animais non humanos, incluíndo todos os mamíferos e paxaros, e outras moitas criaturas, mesmo os polbos, tamén posúen estes substratos neurolóxicos».

É certo: ás veces a linguaxe da ciencia é un pouco abstracta.

O propio Phillip Low aclarou así o parágrafo anterior nunha entrevista: «Sabemos que todos os mamíferos, todas as aves e moitas outras criaturas, como o polbo, contan coas estruturas nerviosas que producen a conciencia. Isto significa que estes animais sofren. É unha verdade incómoda: sempre era fácil dicir que os animais non teñen conciencia. Agora temos un grupo de neurocientíficos respectados que estudan o fenómeno da conciencia, o comportamento animal, a rede neuronal, a anatomía e a xenética do cerebro. Xa non se pode dicir que non o sabiamos».

Por iso é tan importante dar a coñecer isto: para que ninguén, nunca máis, poida dicir que non o sabía. E para que todos poidamos gozar deste novo xeito de mirar a todas as criaturas que nos acompañan nesta aventura que chamamos a vida.

Amais das aletas

A intelixencia dos golfiños chamou a atención incluso dalgunhas das organizacións militares máis importantes do planeta. Poderían ser os seus mellores aliados na conquista dos fondos mariños... Como outros vertebrados cunha forte organización social, estes cetáceos teñen unha linguaxe moito máis complexa do que se cría. De feito, non paran de falar entre eles. En estado salvaxe, parece que incluso se chaman uns a outros polos seus respectivos nomes.

  • Reportaxe en «National Geographic» sobre a intelixencia dos golfiños: goo.gl/UzezrB

 

Memoria de elefante

Non, non é unha frase feita. Nas mandas de elefantes que percorren o continente africano, todos fan caso á femia máis veterana. A súa memoria, baseada na experiencia, atesoura unha información fundamental para a supervivencia de todo o grupo. Por exemplo, onde hai comida ou refuxio segundo as condicións meteorolóxicas de cada ano. A vida social destas mandas é tamén asombrosa. Ata o punto de que recoñecen despois de moito tempo de mortos os restos dos seus máis próximos, e xunto a eles parecen facer unha especie de homenaxe. A diferenza doutros animais superiores, ademais, cada elefante sábese recoñecer a si mesmo ante un espello. ¿Que como o sabemos? Os científicos pintaron unha mancha branca na fronte de varios exemplares. Cando cada un deles foi posto ante un espello, o primeiro que fixeron todos foi limpala coa trompa. Os cans, por exemplo, non saben que o seu reflexo son eles mesmos.

  •  Podes saber máis sobre a intelixencia dos elefantes na Wikipedia: https://es.wikipedia.org/wiki/Inteligencia_de_los_ elefantes

 

O invertebrado máis intelixente

Seguro que che soa. Chámase polbo. Si, é o polbo que habita tantos e tantos recunchos da nosa costa e de case todas as costas do planeta. Ou mellor dito, os polbos, porque a ciencia describiu ata agora máis de 300 especies. Todas elas destacan pola súa intelixencia, que fascina a quen a estudan. Ata o punto de que algúns destes científicos afirman que «o polbo é o máis parecido a un ser extraterrestre intelixente que podemos estudar».

Entre outras altas capacidades, estes animais son capaces de utilizar ferramentas e resolver problemas complexos, e contan cunha sorprendente memoria. Incluso chegan a xogar con obxectos. E todo iso sen ter contacto cos seus pais de pequenos. Canto saben apréndeno por si mesmos. De feito, son uns extraordinarios observadores da súa contorna.

  • Reportaxe na BBC sobre a intelixencia do polbo: goo.gl/BJRKyQ

Moi listos e con ás

Todas as culturas humanas, desde as máis primitivas, consideraron aos corvos aves moi especiais. Non é para menos. Actualmente sabemos que son capaces de fabricar ferramentas complexas. É dicir, non só de utilizar un pau para coller un verme oculto no seu buraco, senón tamén de tallalo para darlle a forma necesaria. ¡Pero é que incluso comprenden o principio de Arquímedes! Hai varios vídeos en Internet nos que podes comprobalo. Outra mostra da súa intelixencia é a súa capacidade para imaxinar que pensan ou senten os seus conxéneres e outros animais. É dicir, para pórse no seu lugar. Isto é algo que os humanos só comezamos a facer a partir dos catro ou cinco anos.

  • Reportaxe en «National Geographic» sobre a intelixencia dos corvos: goo.gl/mpY9sH

Amais das aletas

A intelixencia dos golfiños chamou a atención incluso dalgunhas das organizacións militares máis importantes do planeta. Poderían ser os seus mellores aliados na conquista dos fondos mariños... Como outros vertebrados cunha forte organización social, estes cetáceos teñen unha linguaxe moito máis complexa do que se cría. De feito, non paran de falar entre eles. En estado salvaxe, parece que incluso se chaman uns a outros polos seus respectivos nomes.

  • Reportaxe en «National Geographic» sobre a intelixencia dos golfiños: goo.gl/UzezrB

Os nosos parentes máis próximos

Están en perigo de extinción. Pola nosa culpa. Aínda que son os nosos curmáns, non respectamos os seus fogares nin o seu dereito a unha vida libre na que poidan desenvolver todas as súas habilidades. Que son moitas. Oxalá isto cambie canto antes.

Son os chimpancés, os bonobos, os orangutáns, os gorilas... Primates habitantes de selvas que non paramos de tallar ou queimar. Ao quedarnos sen estes parentes non só cometemos un crime biolóxico.

Ademais, quedamos sen a posibilidade de aprender máis acerca de nosa propia especie. ¿Que capacidades podemos dicir que son exclusivas da humanidade e cales non?

Por certo, que foron mulleres as tres investigadoras que máis achegaron ao coñecemento do comportamento destes animais: Jane Goodall, Dianne Fossey e Biruté Galdikas. Unha das axudantes máis destacadas de Jane Goodall é galega. Chámase Rebeca Atencia.

  • Web do instituto Jane Goodall: http://www.janegoodall.es/

Actividades

  • ¿Apetéceche saber máis acerca da intelixencia dos animais? Aí vai unha idea para unha hora de clase. Necesitaredes computadores con acceso a Internet.
  • Comezade por dividirvos en grupos. Cada grupo debe elixir un animal cuxa intelixencia lle apeteza investigar. O primeiro será apuntar que ideas tedes sobre este animal. A continuación, comprobade en Internet se estabades ou non no certo. Para terminar, que cada grupo expoña os seus achados.