Átomos que xogan ao pilla pilla e outras leccións de ciencia no colexio de Rubiáns
CIENCIA
O centro recibiu onte a visita da oceanógrafa Paula Diz
07 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Este ano, no colexio de Rubiáns, a cousa vai de ciencia. A comunidade educativa está embarcada, mesmo dende antes do inicio do curso, nun proxecto que pretende achegar á rapazada ao ámbito científico, das hipóteses, dos experimentos... «A ciencia hai que Sabela» é o lema do proxecto de centro que está en marcha e no que, coma sempre en Rubiáns, ten o fío condutor é Sabela, a encarnación do colexio. Dende o primeiro día estase a traballar neste asunto. E onte, para seguir aprendendo e descubrindo, contouse coa axuda de Paula Diz, unha oceanógrafa que deixou á rapazada cos ollos abertos por máis dunha vez.
Paula Diz é profesora de Oceanografía na Universidade de Vigo. Está acostumada a estudantes de máis idade, pero onte demostrou boa man coa rapazada de tres a doce anos coa que se atopou en Rubiáns. Faloulles da auga, de como hai que analizala, las correntes, dos sedimentos... Mesmo levou algunhas mostras que as cativas e os cativos tiveron que observar a través do lente do microscopio.
Contan as mestras que o alumnado prestou moita atención a todo o que contaba a convidada. E non daban crédito —parece que algo imos facendo ben— a que houbera tempos nos que as mulleres non podían subir en buques oceanográficos, pero si analizar as mostras.
Coa visita de Paula Diz arrincan uns días nos que a actividade arredor do programa científico do centro se vai intensificar. E por unha boa razón: o vindeiro sábado celébrase o Día da muller e da nena na ciencia, e quérese aproveitar a ocasión para que as rapazas que se forman nas aulas de Rubiáns saiban que ese ámbito científico tamén é para elas. «É importante que teñan referentes nestes ámbitos», explican desde o equipo docente. Precisamente por iso, no calendario que elaboraron no primeiro trimestre do curso, e no que cada més está protagonizado por unha personalidade científica galega, púxose moito énfase na presenza de mulleres. O calendario, elaborado polo estudiantado e repartido ás familias, é unha boa mostra de como este ano a formación científica se filtra en todo o que se fai en Rubiáns. Mesmo no patio, onde ao pilla pilla xogan agora átomos. E que ben o pasan mentres aprenden.