Tódolos cirrípedos, incluídos os percebes e os arneiros, son invertebrados mariños pedunculados ou sésiles sobre substratos duros, e todos son gregarios, é dicir, precisan vivir uns ao rentes ou enriba doutros por necesidades vitais. Os cirrípedos, para formar os agregados, as súas larvas aséntanse a carón ou sobre os adultos ao seren inducidas pola atracción quimiotáctica dunha proteína que libera o exoesqueleto vello dos adultos. Por que é unha necesidade vital? Pois porque os cirrípedos, a pesares de vivir fixados ao substrato, reprodúcense por cópula, polo que para que o seu pene poida fecundar nunha vaxina é necesario que os adultos estean xuntos. Por esta característica, os cirrípedos son os animais que teñen o pene máis longo en proporción ao seu tamaño corporal.
As larvas de percebe fíxanse sobre o pé do adulto? É outra expresión errónea, porque o pedúnculo non é un pé. Tódalas larvas de cirrípedos fíxanse ao substrato polas glándulas cementarias da base das primeiras antenas, por iso o animal está invertido, xa que «se asenta pola caluga patas arriba», polo que o pedúnculo dos percebes nada ten que ver cun pé.
As patas torácicas (os pés) teñen forma de cirros (de aí o seu nome de cirrípedo), que os agrupan en forma de copo, co que filtran as partículas alimenticias planctónicas e que condiciona a súa orientación de asentamento, segundo as características hidrodinámicas da zona.
Tamén se debería saber que os mexillóns reprodúcense dun xeito diferente aos percebes, xa que femias e machos liberan simultaneamente óvulos e espermatozoides na auga circundante, polo que a súa vida gregaria tamén é necesaria, pois facilita a súa reprodución ao estaren xuntos, proximidade que propicia que os espermatozoides fecunden os óvulos, dando inicio ao desenvolvemento dun novo ser vivo en forma de larva. Pero se a mexilla se arrampla das rochas, na zona arrasada non haberá adultos e consecuentemente non se liberarán gametos e non haberá larvas de mexillón que se fixen nas rochas; en consecuencia, canta máis mexilla se arrample, menos larvas e menos mexillóns adultos haberá, agás nas rías onde hai bateas de mexillón.
Eu, que son dende hai 22 anos investigador da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, da Universidade de Santiago en Ferrol, cando se empezou a arramplar a mexilla nesta ría moita xente preguntábame por que desapareceran os mexillóns dos cabos de fondeo, dos cascos das embarcacións, dos pantaláns, etcétera, que antes tiñan que limpar anualmente e que agora xa non o tiñan que facer. A miña resposta era precisa: como cada vez hai menos mexillóns no intermareal da ría polo arrample da mexilla, consecuentemente hai menos larvas e menos fixación, e o máis grave é que este feito cada ano se converte nun proceso dexenerativo progresivo.