A ciencia hoxe: entre as necesidades e os desexos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

CIENCIA

Dado Ruvic | REUTERS

08 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Posiblemente nunca a ciencia foi tan popular na historia, nunca a maioría das sociedades do mundo falaron tanto de ciencia, nin tantas persoas tiveron tanta formación científica. Nunca como hoxe houbo tanta investigación básica e aplicada, tanta produción científica, nin un financiamento tan gorentoso. Non estou tan certo de que ese nivel de dedicación, publicación, financiamento da ciencia se acompañe dun nivel parello de reflexión e análise sobre o sentido, os fins e a lóxica da actividade científica. Este tempo e os seus tempos non dan para tanto. A aceleración, a hiperespecialización, o ultraprodutivismo dificultan parar a pensar criticamente no que a ciencia fai, alén de círculos moi interesados e, xaora, dos intereses dominantes.

Actualmente a ciencia parece moverse de forma prioritaria en dous grandes ámbitos de necesidades universais, para as persoas e para o mundo, que definen os campos prioritarios de investigación: a transición ambiental e a intelixencia artificial. Vinculada á transición ambiental móvese toda a investigación relacionada coa continuidade dos seres vivos no planeta na perspectiva humana. Os límites para a sustentabilidade son coñecidos e preocupantes, polo que a investigación para favorecela, indagando nos mecanismos para frear o quecemento global e evitar a perda de biodiversidade, tornouse prioritaria. Así, garantir a alimentación para unha humanidade que aumenta o consumo é un asunto que debe pensarse de forma universal pero debe resolverse localmente, en agroecosistemas territoriais con condicións físico-climáticas concretas. Atinxe o reto a un conxunto de disciplinas clásicas que han dialogar, por riba de ciencias e letras, en equipos de investigación transdisciplinares. Ciencias humanas e experimentais traballan xuntas con disciplinas técnicas e sociais. Sumar vantaxes e destrezas da especialización e capacidades holísticas é tarefa complicada para todas as disciplinas. Obriga a superar hiperespecializacións nas que se camiñou no último século e máis inercias corporativas.

Semellante esixencia transdisciplinar require a IA, campo que resume á perfección o paradigma e o tempo tecnolóxico da humanidade nesta altura da súa «evolución». Multiplicar por medios artificiais a xestión de datos e destrezas de que as persoas somos quen. Máquinas que imiten a intelixencia humana ou a substitúan. O vello robot (dirixido ou autónomo), o novo cyborg, anunciando futuros que dependen do uso e os límites que se establezan, da socialización das súas vantaxes, da democratización do seu control. Coma sempre a toma de decisións define os límites do poder, como nunca os grandes magnates non parecen dispostos.

O desexo humano de vivir máis alimenta un terceiro ámbito, os saberes médicos. Da promesa do paraíso post mortem pasamos cos grandes relatos utópicos á ilusión do paraíso na terra, para todos. O avance exponencial da biomedicina nas últimas décadas cadrou coa quebra do Estado do benestar e as políticas sociais, a ilusión fica na práctica xa só para algúns; a extensión universal de cando Jenner tratou a varíola e Pasteur as enfermidades infecciosas está limitada polo custe e o interese. As guerras sempre foron motor da historia, un cuarto ámbito ocúpao a Física dende o comezo da era atómica. Resolver as guerras xa depende doutros saberes.