
Hai días, un literato dicía que «a intelixencia suprema é a dos escritores, pois contan coa inspiración, da que carecen os científicos». Coincidiu, casualmente, cunha nova biografía de Claude Shannon, parcialmente coetáneo de Albert Einstein. Shannon nunca foi mediático; rexeitaba dar conferencias e entrevistas desde cando se empezou a recoñecer a súa xenialidade ata cando, xa vello, se divertía facendo robots (algún tan sinxelo coma a caixa que se abría premendo un botón e da que saía unha man cuxo índice premía ese botón para que se pechase).
Foi transcendente o traballo de física teórica do alemán, o icónico Einstein das guedellas e os mostachos, mais Claude Shannon, un americano tímido, fixo posible —teórica e practicamente— chegarmos á Sociedade da Información, que el coñeceu en vida. Xa na Segunda Guerra Mundial un dos seus teoremas serviu para tolear os servizos de información xaponeses, demostrando que a información se pode transmitir por mostras, non enteira, e reconstruír. Noutro adiantara que todo tipo de información se pode descompor en cadeas de dous valores, coma 0 e 1. Sóannos eses teoremas cando hoxe usamos o ordenador ou o móbil? ¡Soan! Shannon era un rapaz noviño cando «algo» o levou a escribir a tese que viría crear un mundo dixitalizado. Non o guiaría a inspiración?