Valdeorras, o berce dunha tradición ancestral en Galicia
Fortalecer as uvas autóctonas e favorecer o crecemento do territorio amparado, a creación de circuítos enoturísticos e a transformación dixital das adegas está entre os grandes retos de futuro que se marca o Consello Regulador
A Denominación de Orixe de Valdeorras apostou de forma contundente, hai agora máis de catro décadas, pola plantación de variedades autóctonas. «E o paso do tempo amosou o atinado desta decisión», destaca José Luis García Pando, presidente dun Consello Regulador que engloba máis de 40 adegas nun territorio que se caracteriza pola súa ampla variedade de chans e por posuír un microclima específico que axuda a elevar a calidade das colleitas.
O cultivo de viñedos neste territorio amparado remóntase ao Imperio Romano. O descubrimento de antiguos lagares no Concello de Larouco que poderían datar desta época así o evidencia. Diferentes estudosos sinalan que, coma sucedeu en diferentes emprazamentos de Europa Occidental, o viño probablemente comezouse a cultivar na zona ligado aos primeiros campamentos romanos. Xa daquela existen evidencias de que en Valdeorras se prantaron viñas para a elaboración de viños brancos e tintos. Polo tanto, este territorio constitúe o berce dunha tradición ancestral na comunidade.
Variedades de uva máis significativas
«En Valdeorras é onde nace o godello orixinal e inimitable», precisa García Pando, quen recorda que non foi ata o ano 1974 cando, ao abeiro do proxecto Revival, se comezou a recuperar esta variedade que hoxe é a raíña da denominación de orixe.
Precisamente, os datos oficiais así o evidencian. Dos 5,5 millóns de quilos de uva recollidos na vendima de 2020 -unha das máis difíciles debido ás restriccións e requisitos sociosanitarios impostos polas administracións para facer fronte á pandemia, segundo destaca García Pando- un total de 3,5 millóns pertencen a esta variedade.
Síguelle, en orde de importancia cuantitava, a mencía, con 1,2 millóns de quilos. Por tras sitúanse a garnacha, a palomino e outros tipos de uva máis minoritarios, como a sousón.
Cualidades enolóxicas do godello
Os viños brancos elaborados a partir da uva godello destacan pola súa personalidade e por posuír unhas cualidades enolóxicas que imprimen forza, con moita froita e moita estrutura. De maduración precoz, este tipo de uva orixina viños moi equilibrados entre o seu grado alcólico e a súa acidez, que resultan intensos e francos no nariz.
Tan relevante é a uva godello na zona, que Valdeorras é o único territorio amparado de España no que é obrigado elaborar godellos 100%. Porén, cada ano que pasa, cobra máis relevancia a mencía, un tipo de uva que permite elaborar viños suaves e melosos.
Retos de futuro
Precisamente, para fortalecer estes tipos de uva e favorecer o crecemento do territorio amparado, entre os grandes retos de futuro que se marca o Consello Regulador da D.O. Valdeorras está -en canto ás circunstancias o permitan- o de favorecer a creación de circuítos enoturísticos arredor do viño na zona.
Trátase dunha das materias pendentes desta denominación de orixe, en torno á cal «cómpre -segundo García Pando- realizar un maior esforzo coordinado por parte de todos, adegas, empresas turísticas e de restauración e administracións».
Xunto a isto, conseguir aumentar a superficie plantada na comarca é outro dos retos que se marca o equipo de goberno que capitanea García Pando á fronte do Consello. Precisamente, este ano, o Ministerio de Agricultura autorizaba a plantación de catro novas hectáreas de viñedo no territorio amparado. A nivel galego, a D.O. de Valdeorras foi a segunda da comunidade que recibiu unha maior extensión de viñedo, coa tramitación de cinco petición (todas as que se pediron a través da Consellería do Medio Rural).
«Aumentar a superficie de plantación permitirá incrementar a cantidade de viño comercializable dende Valdeorras», destaca García Pando, quen aposta porque estes incrementos se efectúen «con todas as garantías» para preservar a calidade das uvas e dos viños elaborados.
Transformación dixital das adegas
Finalmente, favorecer a transformación dixital das adegas para que poidan adaptarse aos novos tempos e incrementar as súas vendas a través de canles online é outro dos obxectivos de futuro nos que traballa o Consello Regulador.
Precisamente, unha das consecuencias da pandemia é que ten propiciado un salto na transformación dixital de moitas empresas e negocios e «as adegas valdeorresas -segundo precisa o presidente do Consello Regulador- non poden quedarse atrás».