Unha banda de paxaros para axudar ao futuro do galego
A serie musical de animación Bibopalula, estreada o pasado mes na aplicación do Xabarín, propón un contido inédito en Galicia para espectadores de entre tres e cinco anos.
Son tempos de preocupacións e incertezas sobre o futuro da lingua. A última enquisa do IGE ratificou hai un par de meses a que non por esperada deixaba de ser unha noticia triste: o galego deixaba de ser a lingua maioritaria en Galicia.
Superado o impacto inicial, e como complemento ás reivindicacións, posibilidades de pasar á acción. Bibopalula é, sen dúbida, a máis relevante de entre todas elas. A produtora Undodez, liderada polo actor e cómico Xosé A. Touriñán e polos produtores Javi Lopa e Álvaro Pérez Becerra -tamén presidente da Academia Galega do Audiovisual-, presentou a pasada semana a primeira serie musical de animación en galego. Nunca antes as nenas e nenos máis pequenos tiveran a oportunidade de desfrutar dun contido episódico na nosa lingua propia con cancións e videoclips orixinais como gran atrativo.
O mérito, de Laura e Andrés Mahía, filla e pai, directora e guionista dunha serie que vai camiño de facer historia nun audiovisual galego habituado a triunfar fóra, pero en moitas ocasións alleo á necesidade urxente de ofrecer entretemento en galego ás espectadoras e espectadores locais.
Os músicos Santi Jul e Iván Laxe, habituáis do son e a composición musical das grandes series galegas das últimas dúas décadas, son os responsables das cincuenta e cinco cancións coas que remata cada capítulo das aventuras da Banda do Bosque.
Paxaros que fan música
Robin, Carpin, Merli e Pegui son o paporrubio, o picapau, o merlo e a pega que conforman A Banda do Bosque. Desde as polas das árbores máis altas contemplan todo o que pasa ao seu redor: desde as treboadas e as mañás de néboa, ata os cambios de estación, a chegada dos birrios e a marcha das cegoñas.
Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez e Xosé A. Touriñán poñen voz, xunto con Laura Mahía, aos personaxes principais da serie, na que exerce como narradora Melania Cruz. Todas elas e eles estiveron o pasado domingo na estrea do proxecto -unha das citas máis agardadas do Culturgal-, na que o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a "audacia" e a "ambición" de Undodez, e destacou o que Bibopalula pode supor no curto prazo para o futuro do galego. As expectativas non son poucas: o mundo educativo observa optimista a aparición dun contido audiovisual chamado a ser tamén fenómeno de masas entre as pequenas e pequenos.
O espírito do Xabarín revive con Bibopalula
A Banda do Bosque actúa cada día en xabarin.gal e a aplicación móbil do Xabarín, a plataforma de entretemento infantil da corporación de medios públicos na que é posible acceder xa a corenta capítulos. Desde a súa estrea Bibopalula é xa o contido máis visto.
Entre medias, a canle de YouTube con todos os videoclips, as cancións en Spotify, a edición dun conto infantil, e unha campaña promocional que Undodez cifra en preto de 70.000 € para achegar a serie ás nais e pais a través de todas as canles e medios posibles.
Bibopalula xa ocupa fachadas no centro de Vigo, grandes carteis nas rúas da Coruña, reportaxes nos principais medios de comunicación, e nestas semanas está presente nos estadios de Riazor e Balaídos. Estreará aplicación móbil, e a produtora de espectáculos Ainé -líder en Galicia por venda de entradas- xa prepara o espectáculo teatral.
Se todo sae segundo o previsto, a serie producida por Touriñán será o revulsivo máis destacado nas últimas décadas para o impulso da lingua galega entre o público máis novo.