Entrevista | Xaquín Chaves Chaves, un dos referentes da abstracción galega, presenta vinte cadros de distinto formato baixo o título «Pintura no aire». Un revelador recorrido pola súa obra máis recente
22 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Nun ano moi prolífico en exposicións, nas que destacan as das feiras de Sevilla e Estoril, Xaquín Chaves (Vilaxoán-Vilagarcía, 1959) acaba de inaugurar unha nova mostra de pintura. Esta vez na Coruña e na galería Atlántica, unha das máis prestixiosas de Galicia. -Hai sete anos dende a súa última exposición en Atlántica. ¿Qué diferenzas atopa con esta última entrega? -Esta última mostra é máis homoxénea formalmente xa que só expoño pintura sobre tela e as obras caracterízanse cromáticamente polo seu carácter sobrio e contido. Esta circunstancia e froito da intención de falarlle máis á mente que ós sentidos, ó pensamento que á emoción. -A súa linguaxe, perfectamente armada, apoiase máis na técnica ou na pulsión propia da pintura? -A técnica para min é o instrumento que fai posible sacar á luz as cousas. Sen ela permanecerían invisibles e sempre ten un modus propio. Non hai estándares e realmente esta técnica persoal é a que vai educando o impulso propio da creación. -Anthony Caro falaba do «know how» como dominio técnico da profesión. Supoño que vostede opina da mesma maneira. -Evidentemente si. Penso que, aínda que pareza paradoxal, na abstracción ese 'saber como' é un compoñente esencial para a súa propia elaboración. No meu traballo sempre me manexo entre o acabado e o inacabado, entre o certo e o aleatorio. Non se debe temer ó inacabado na pintura nin refugar das cousas ben feitas. Moverme neste ámbito sería imposible sen ter un gran respecto polo oficio. Recursos como sfumatos, veladuras, lavados ou mesmo brochazos. Tamén o coidado dos materiais, usando distintos tipos de pigmentos, conforman o cerne da apariencia matérica. A pel da miña pintura. -A paisaxe e un certo orientalismo están sempre presentes na súa obra imprimíndolle forza poética. ¿Esta latente unha mirada de volta á figuración? -A paisaxe foi a razón da miña xénese pictórica. Sempre sentín a paisaxe, tanto humana como natural, como un vínculo fundamental entre min mesmo e o mundo. De feito case sempre nas miñas mostras hai unha paisaxe. Poetas marcadamente naturalistas como Li Po e Wang Wei, abríronme as portas da pintura oriental. Pintura moi codificada teoricamente e con multitude de conceptos que fun pouco a pouco integrando no meu proceso de abstracción. Precisamente este interese pola natureza e o que determina que a un nivel formal aparezan elementos figurativos, e a un nivel pictórico se poida falar cando se mira a miña pintura de atmosferas, humidades, climas e densidades que evocan algo así coma unha paisaxe de manchas.