Anunciou que a entidade presentará suxestións para que o novo PXOM inclúa unha maior protección da fraga
17 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Antonio Montero ten claro que a fraga de Cecebre forma parte da identidade do Concello de Cambre e que o progreso, paradoxicamente, é o que está facendo desaparecer a paraxe natural que Wenceslao Fernández Flórez inmortalizou en O Bosque animado. Como presidente da fundación que leva o nome do articulista e escritor coruñés, Montero demanda medidas urxentes e exemplarizantes que permitan paralizar as talas indiscriminadas como as levadas a cabo esta semana.
-Aínda se conserva unha parte da fraga de Cecebre. ¿Tan dramática é a situación?
-Estase destruíndo masivamente. É correcto que haxa un corte selectivo e se limpe o monte, pero hai zonas que deben ter una protección determinada. Cando Wenceslao Fernández Flórez escribiu O bosque animado dicía que era tan frondoso que parecía un tapiz. Pero coas talas masivas é imposible recuperar o perdido, nin utilizando Loctite. Este tipo de fragas tardan cen anos en recuperarse. Ninguén pon reparos a unha tala selectiva, pero neste caso ten máis delito porque despois intentaron retirar os tocóns. Esperemos que os donos deses terreos teñan unha sanción exemplarizante.
-¿Cre que ten protección suficiente?
-Eu pensaba que realmente toda esta zona estaba máis protexida e levei unha verdadeira sorpresa cando me pasaron o aviso da tala indiscriminada. Non quero culpar a ninguén, pero ¿como se permiten estas cousas?
-A zona que sufriu este último corte de árbores está moi preto da sede da fundación. ¿Afectará dalgunha maneira á súa actividade?
-Adoitamos facer teatralizacións xustamente onde se produciu a tala. Supoño que a partir de agora teremos que buscar outro espazo, aínda que co avance das urbanizacións cada vez hai menos espazos verdes. Penso que hai suficiente terreo onde construír casas sen que haxa que talar nada.
-¿Que poden facer vostedes, dende a fundación, para protexer este entorno?
-Teño a esperanza de que no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) se teña en consideración o especial valor desta fraga. Nós solicitaremos oficialmente que se reforce e amplíe o nivel de protección. No entanto, tamén entendo que aos propietarios deste monte lles poida molestar.
-¿A repoboación con especies autóctonas pode paliar dalgún xeito estas agresións á fraga?
-É unha solución para dentro de 50 anos, non para agora. Ademais, as talas tamén afectan ao resto do ecosistema. Esta última fixérona, por exemplo, nunha época nas que as aves están nidificando. Foi unha desfeita tremenda.
antonio montero director da fundación w. fernández flórez